O PSOE denuncia que o Concello de Arteixo autorizou conectar vivendas a un sumidoiro sen rematar que verte fecais directamente a unha parcela privada

Os socialistas esixen arranxar de urxencia a rede na Travesía de Pastoriza e acusan ao PP e a SUMARTE de carecer dun "mapa básico" do saneamento municipal.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de denunciar no pleno  un grave episodio de contaminación e "descontrol urbanístico" no municipio. A formación explica que a veciñanza de Pastoriza e Oseiro leva meses soportando insoportables cheiros na Travesía de Pastoriza, á altura de Galán, por mor das verteduras fecais sen tratar que a rede municipal baleira nun monte privado situado entre a AC-415 e a AC-552.

O PSOE arteixán considera "inaudito e insalubre" que o executivo do Partido Popular e a empresa pública SUMARTE concedesen autorizacións de enganche a unha rede de saneamento que sabían que estaba sen rematar e sen conectar á depuradora.

Unha urbanización conectada a unha rede "fantasma" e descoñecemento absoluto dos planos de saneamento

Segundo explica o portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, ese tramo da rede de sumidoiros quedou sen rematar e sen usuarios conectados. Porén, tras finalizarse recentemente a construción dun novo edificio de vivendas na Travesía de Pastoriza (na zona da Choupana), o Concello deu luz verde para que a edificación e outros se conectase á rede municipal.

Os socialistas sinalan que ao non estar o canal conectado coa rede xeral de augas residuais cara á depuradora, as augas fecais do novo bloque de vivendas saen a ceo aberto cara a un terreo privado, xerando un foco de contaminación, cheiros e un evidente risco para a saúde pública a escasos metros das casas de Galán e Pastoriza.

Para o voceiro socialista, Martín Seco, este caso pon de manifesto o "caos organizativo" e a incompetencia do Goberno de Carlos Calvelo e da xerencia da empresa pública SUMARTE, encargada da xestión da auga e do saneamento.

"É unha auténtica barbaridade urbanística e ambiental. O PP e SUMARTE nin sequera saben como teñen o mapa do saneamento en Arteixo: permítenlle a un promotor construír un edificio, danlle a licenza de primeira ocupación e autorízano a conectarse á rede municipal sen comprobar antes se esas tuberías van á depuradora ou van ao monte. Non se pode xestionar un concello de 33.000 habitantes con semellante chapuza e desidia. Esiximos que conecten ese tramo de inmediato e que actualicen os planos para evitar que sigan xurdindo focos fecais polo municipio", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.

Ante a gravidade das verteduras e a afección á calidade de vida dos veciños, o PSOE solicitou formalmente ao Goberno local a execución urxente das obras necesarias para canalizar a rede de saneamento que baixa da Choupana na Travesía de Pastoriza e conectala de xeito definitivo coa rede xeral que conduce á depuradora, así como a actualización e revisión completa dos planos de toda a rede de saneamento e augas residuais do concello de Arteixo por parte dos servizos técnicos e de SUMARTE para evitar novas licenzas en redes sen saída.

Siguiente
Siguiente

O PSOE esixe á Xunta un plan de seguridade urxente para a AC-552