O PSOE esixe á Xunta un plan de seguridade urxente para a AC-552

Os socialistas levan ao pleno un mapa de melloras dende Meicende ata Larín para frear o perigo de tráfico nun dos eixes industriais máis densos de Galicia.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no pleno ordinario deste mes unha moción para esixir á Xunta de Galicia a execución dun Plan Integral de Seguridade na estrada AC-552 así como a gratuitade da AG-55. O voceiro socialista, Martín Seco, denuncia o "agravio comparativo" que padece a área urbana da Coruña e Arteixo respecto doutras rexións galegas que contan con vías de alta capacidade gratuítas, obrigando a miles de condutores e camións a saturar unha travesía urbana ateigada de puntos perigosos.

Os socialistas lembran que a privatización da AG-55 realizada no seu día polo goberno de Fraga converteu a AC-552 na única alternativa sen custe entre a A Coruña e Bergantiños. Co paso dos anos e o desenvolvemento industrial de Arteixo, esta estrada volveuse unha "vía saturada e de alto risco" para condutores e peóns dende Meicende ata Larín.

Un mapa de actuacións urxentes de Meicende a Larín

A moción do PSOE fixa un diagnóstico detallado da estrada e reclama actuacións punto por punto nos núcleos poboados do municipio. Nas Eiras e A Báscula (Meicende) propoñen esixir ás plantas de formigón controis do po no aire e sistemas de limpeza de rodas para os camións que acceden á AC-552; redución da velocidade a 30 km/h, mellora da iluminación e resaltes nos pasos de peóns e paradas de bus na Maceira (Pastoriza) e Galán. Para Vilarrodís solicitan a humanización completa da travesía ata Sabón, mellora de accesos, pasos de peóns, paradas de bus e límite de velocidade a 30 km/h, así como a instalación dun novo paso de peóns na contorna das instalacións de Alumán en Sabón.

No núcleo urbano de Arteixo solicitan o límite a 30 km/h dende Pescanova ata Candame, mellora nos pasos de peóns (con especial atención ao do Telepizza), peche do sistema de beirarrúas cara a Carballo e estudo para construír unha rotonda no enlace da Travesía de Arteixo coa Avenida de Fisterra en Candame. En Lañas e Casas Novas esixen a mellora de paradas e novos pasos de peóns na subida a Lañas; ordenación do dobre carril e redución de velocidade no cruce coa DP-507; e a  construción da rotonda e pasos de peóns en Casas Novas, “unha promesa que o alcalde, Carlos Calvelo, fixo nos medios e aínda non executou.”

Ademáis demandan a renovación urxente do firme do carril bici en todo o percorrido municipal e creación dun carril bici continuo.

"Non podemos seguir tolerando que Arteixo sexa o motor industrial do norte de Galicia e a Xunta nos teña castigados cunha autovía de peaxe e unha estrada xeral abandonada e chea de tramos perigosos. Liberar a AG-55 sacararía miles de coches e camións do centro de Vilarrodís ou Arteixo. Mentres o PP se nega a facela gratuíta, exiximos que cando menos invista na AC-552, faga as rotondas prometidas, arranxe o firme e garanta que un veciño poida cruzar a rúa sen xogarse a vida", manifesta o voceiro socialista, Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE esixe un estudo e solucións urxentes para o impacto do Porto Exterior no "deterioro" das praias de Arteixo