Os socialistas denuncian que o Concello mantén cruces onde coincide o ámbar intermitente para vehículos co verde para viandantes, unha práctica prohibida dende o 1 de outubro polo novo Regulamento de Circulación
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixiu ao goberno local do Partido Popular a actualización inmediata da programación de todos os semáforos do municipio co obxectivo de adaptalos ao Real Decreto 518/2026, que modificou o Regulamento Xeral de Circulación o pasado 1 de outubro. A formación socialista alerta de que en Arteixo seguen operativos varios pasos de peóns onde coincide a luz ámbar intermitente para os vehículos co sinal verde para os viandantes, unha sincronización que a nova norma prohibe expresamente para evitar atropelos.
Dende as filas socialistas subliñan que esta reforma legal nace co propósito prioritario de blindar a seguridade dos chamados "usuarios vulnerables da vía", entre os que destacan os peóns, con especial protección para nenos, maiores e persoas con discapacidade, así como ciclistas, usuarios de patinetes eléctricos (VMP) e motoristas, desprazando o foco tradicional centrado no coche cara á protección das persoas nas contornas urbanas.
Risco nos pasos de peóns pola deixadez municipal
O voceiro socialista, Martín Seco, criticou que, máis dun mes despois da entrada en vigor da norma estatal, o executivo de Carlos Calvelo non teña revisado nin axustado a rede semafórica local, mantendo unha configuración ilegal que pon en perigo diario á cidadanía. "A lei cambiou o 1 de outubro precisamente para acabar coas situacións de risco nos cruces urbanos, prohibindo que os coches teñan o ámbar intermitente á vez que os peóns cruzan en verde. É inadmisible que o Goberno de Arteixo siga sen reprogramar os semáforos, deixando desprotexidos aos veciños nunha cuestión tan elemental como cruzar a rúa con seguridade", sinalou Martín Seco.
Desde o PSOE lembran que esta falta de dilixencia na adaptación dos semáforos súmase ao atraso acumulado polo goberno do PP en materia de seguridade viaria, como a ausencia dunha ordenanza municipal de mobilidade ou a falta de mantemento e proteccións en puntos críticos como a Avenida de Fisterra. "O Goberno de Carlos Calvelo chega tarde a todo cando se trata de seguridade viaria e mobilidade sostible. O novo Regulamento de Circulación leva en vigor dende o 1 de outubro e prohibe expresamente que coincida o ámbar dos coches co verde dos peóns, pero en Arteixo seguen funcionando semáforos fóra da norma. Non hai escusa técnica nin orzamentaria para non ter feito xa este axuste. Esiximos ao alcalde que reprograme de inmediato toda a rede semafórica antes de que teñamos que lamentar un atropelo", manifestou o voceiro socialista, Martín Seco.

