O PSOE esixe un estudo e solucións urxentes para o impacto do Porto Exterior no "deterioro" das praias de Arteixo
Os socialistas levan ao pleno unha moción para solicitar á Xunta e ao Estado medidas para frear a perda de area e a desaparición das dunas en Barrañán, Valcobo e Repibelo.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no pleno ordinario da vindeira semana unha moción para protexer o litoral do concello fronte ás alteracións derivadas da construción do Porto Exterior de Punta Langosteira. A formación liderada por Martín Seco esixirá o apoio da corporación para reclamar conxuntamente ás administracións autonómica e estatal un estudo técnico rigoroso e a posta en marcha inmediata duns plans de rexeneración dos areais afectados.
Os socialistas advirten de que a dinámica de correntes provocada pola gran obra portuaria está a causar "danos severos e progresivos" nas praias do municipio, poñendo en risco a supervivencia de ecosistemas protexidos e a propia actividade turística de Arteixo.
Erosión en Barrañán e Valcobo mentres Sabón gaña extensión
A iniciativa do PSOE debulla os cambios radicais que sufriu a costa local nos últimos anos. Mentres o areal de Alba (Sabón) multiplicou de xeito anómalo a súa extensión pola acumulación de sedimentos, o resto do litoral padece o efecto contrario.
Praias emblemáticas como Valcobo e Repibelo perden manto de area ano tras ano, deixando ao descuberto pedras que dificultan ou directamente impiden o uso público e o baño en condicións de seguridade e ademasi o impacto das correntes poñen en risco a estabilidade do complexo dunar de Barrañán, un dos espazos naturais de maior valor ecolóxico do municipio que podería estar en proceso de desaparición.
Dende o grupo municipal lembran que o PSdeG-PSOE xa trasladou esta problemática ás máximas institucións lexislativas, rexistrando iniciativas tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia para esixir aos organismos de Costas unha solución técnica definitiva.
"A construción do Porto Exterior trouxo consigo un impacto ambiental no noso litoral que xa ninguén pode negar. Non podemos seguir de brazos cruzados mentres as nosas praias de referencia se enchen de pedras e perden a area por momentos. É hora de que o Concello de Arteixo lidere esta demanda e esixa tanto á Xunta como ao Goberno central que actúen con rigor, fagan un diagnóstico serio e poñan os cartos e as solucións técnicas necesarias para salvar o noso patrimonio natural", manifestao voceiro socialista, Martín Seco.
A moción que se debaterá a vindeira semana buscasolicitar formalmente a Costas (Estado e Xunta) a realización dun estudo técnico sobre os efectos da construción do Porto Exterior de Punta Langosteira no litoral de Arteixo, así como a elaboración e execución dun plan de actuacións técnicas para frear o deterioro dos areais e recuperar aqueles que xa non están en condicións de uso.

