O PSOE esixe un plan contra as verteduras no río Bolaños para evitar un novo verán de pragas e fauna morta
Os socialistas denuncian a degradación do leito na piscina municipal e reclaman estudos técnicos para garantir un caudal mínimo estival.
Trala vitoria de España ante Francia, o grupo municipal socialista solicita a instalación dunha pantalla xigante para seguir a final do Mundial de Fútbol o vindeiro domingo.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou un rogo no pleno de xuño para frear a deterioración ecolóxica e sanitaria que sofre o río Bolaños ao seu paso polo núcleo urbano e o polígono industrial de Sabón. A formación liderada por Martín Seco alerta de que a falta de control sobre as verteduras e o escaso caudal estival ameazan con repetir os "episodios críticos" do ano pasado, cando o paseo fluvial sufriu a aparición de aves mortas e pragas de pulgas.
O PSOE acusa ao Goberno local de Carlos Calvelo de "mirar para outro lado" ante un problema ambiental recorrente que dana a imaxe de Arteixo e pon en risco a salubridade pública nas zonas de lecer máis concorridas.
O voceiro socialista trasladou a denuncia directamente no seo do Consello de Administración da empresa pública SUMARTE, tras documentar con imaxes o preocupante estado do río. O propio Martín Seco fotografou o 10 de xuño o avanzado estado de degradación e suciedade que presentaba o encoro do río Bolaños en pleno centro urbano, así como o leito fluvial na contorna da piscina municipal.
Dende o grupo municipal lembran que nos meses de verán o caudal do río diminúe de xeito drástico, o que multiplica o impacto de calquera vertedura incontrolada procedente do polígono ou das redes urbanas.
Para as filas socialistas, as actuacións de mantemento estético son "inútiles" se non se afronta o problema de raíz. O PSOE esixe ir máis alá e buscar solucións técnicas estables para protexer o ecosistema do río.
"O río Bolaños volve estar en estado de alerta un verán máis pola desidia do PP. Non podemos normalizar que o corazón verde de Arteixo baixe sucio, cheirento e sen auga, provocando a morte de aves e pragas de insectos a metros onde xogan os nosos fillos. Esiximos que o Concello use a empresa pública SUMARTE para fiscalizar as verteduras en Sabón e que encargue un estudio técnico serio para garantir un caudal mínimo ecolóxico nas semanas de máis calor", manifestou o voceiro socialista, Martín Seco.
O Grupo Socialista instou formalmente ao executivo do Partido Popular a aumentar as inspeccións e controis contra as verteduras contaminantes en toda a canle do río Bolaños, intensificando a vixilancia no polígono de Sabón e no casco urbano, así como elaborar un estudo técnico que determine como garantir un caudal mínimo que asegure a supervivencia da fauna e da flora do río durante a tempada estival.
Solicitude de instalación dunha pantalla xigante para seguir a final do Mundial de Fútbol
Por outra banda, o Grupo Municipal Socialista ven de rexistrar formalmente unha solicitude dirixida ao goberno local para a nistalación dunha pantalla xigante no centro de Arteixo, “por exemplo, na Praza do Balenario” o vindeiro domingo 19 de xullo, ás 21:00 horas, cando a selección española de fútbol disputará a gran final do Mundial de USA, Canadá e México 2026.
“Unha oportunidade para que a poboación se poida xuntar como noutros municipios veciños, para desfrutar dun fito deportivo tan importante e con tantos seguidores", argumenta o portavoz socialista, Martín Seco.

