Os socialistas piden que se garanta a continuidade das escolas do Atlético Arteixo ante a preocupante situación económica do club
O PSOE urxe ao goberno municipal a mediar na crise da entidade para garantir que os impagos a técnicos e xogadores non afecten aos máis de 400 nenos e nenas da base do equipo
@fotos_peque
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosou a súa "fondísima preocupación" ante a delicada situación económica e laboral que atravesa o Atlético Arteixo. A formación rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno local do Partido Popular para coñecer que medidas e que grao de interlocución mantén o Concello coa entidade, despois de que transcendera que o club arrastra unha débeda que podería superar os 80.000 euros.
O voceiro socialista, Martín Seco, subliñou que, malia tratarse dunha entidade privada que debe xestionar o seu propio orzamento, a administración local "non pode poñerse de perfil" cando están en xogo cartos públicos e a actividade deportiva dos menores do municipio.
Máis de 50.000 euros en axudas públicas baixo a lupa
O PSOE lembra que o Concello de Arteixo subvenciona anualmente ao club cunha contía superior aos 50.000 euros públicos, uns fondos destinados de xeito finalista ao mantemento e xestión das escolas deportivas. Nestas categorías de base, máis de 400 rapaces e rapazas de Arteixo practican o fútbol cada semana.
A parálise institucional ante as denuncias de impagos a xogadores, técnicos e persoal de mantemento sementa a dúbida sobre a viabilidade das escolas de cara á vindeira campaña. "Despois dunha tempada excelente no deportivo, é unha mágoa e un perigo que o club estea nas páxinas de sucesos económicos polas débedas", advirten dende o grupo municipal.
Garantir o deporte base fronte á crise
Para os socialistas, o executivo de Carlos Calvelo ten a obriga de fiscalizar o destino das axudas concedidas e, sobre todo, de actuar como ponte para garantir que os menores non paguen as consecuencias dunha mala planificación financeira.
"Estamos a falar de familias de Arteixo que levan meses sen cobrar o seu salario e de máis de 400 nenos que non saben que vai pasar co seu equipo o vindeiro curso. O Atlético Arteixo ten que axustar as súas contas e buscar financiamento, por suposto, pero o Concello non pode mirar para outro lado coma se isto non fose con eles. Hai 50.000 euros de subvención municipal en xogo e o Goberno local ten que mediar de inmediato para salvagardar o noso deporte base", manifestou con firmeza o voceiro socialista, Martín Seco.
Ante o silencio do Partido Popular, o PSOE esixe respostas claras e inmediatas nas sesións de control á alcaldía e demanda saber se o Concello se ten posto en contacto coa directiva do Atlético Arteixo tras coñecerse publicamente as denuncias de impagos; se coñecía a situación real e o alcance do burato económico no que se atopa o club e se pensa pedir explicacións sobre cales son as solucións ou o plan de viabilidade que se plantexan dende a entidade deportiva para asegurar a continuidade das escolas e o pago das débedas cos traballadores.

