Os socialistas reclaman o blindaxe do sistema público contra a violencia de xénero e a Lei de Violencia Vicaria, así como apoiar as emendas ás contas galegas de 2027 en sanidade, educación, vivenda e a liberación da peaxe da AG-55.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no vindeiro pleno ordinario de novembro dúas mocións estratéxicas centradas na protección social e nos investimentos pendentes no municipio. Os socialistas levarán á corporación o compromiso institucional con motivo do 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller) e unha iniciativa para esixir ao Goberno galego a aceptación das emendas do PSdeG-PSOE aos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2027.
Compromiso polo 25N fronte aos discursos negacionistas
Co gallo do 25 de novembro, a primeira moción socialista busca reafirmar o compromiso firme do Concello de Arteixo coa defensa do sistema público de protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero e rexeitar calquera paso atrás nos dereitos acadados.
O texto propón que a corporación recoñeza a violencia machista como un problema estrutural e condene expresamente os discursos negacionistas que invisibilizan esta realidade e prexudican a educación en igualdade das novas xeracións.
"Ante o avance dos discursos negacionistas, as institucións locais temos que ser un muro de contención. En Arteixo non cabe nin un só paso atrás na protección das mulleres nin nos recursos municipais que lles salvan a vida. Ademais, é urxente blindar aos menores fronte á violencia vicaria", subliña o voceiro socialista, Martín Seco.
A través desta moción, o PSOE pide someter a votación os seguintes acordossobre blindaxe do sistema público para garantir a estabilidade dos recursos humanos, técnicos e económicos dos servizos municipais de atención ás vítimas, programas de prevención, formación especializada e protocolos de coordinación policial, xudicial, sanitaria e coas entidades feministas; o cumprimento do Pacto de Estado, que permita desenvolver as competencias propias do Concello e asegurar unha xestión eficaz dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero; e para instar ao Goberno de España a retomar e aprobar de forma inmediata a tramitación da Lei Orgánica de Medidas en Materia de Violencia Vicaria, para protexer aos fillos, fillas e persoas próximas ás vítimas desta forma extrema de maltrato.
Orzamentos da Xunta 2027: Investimentos sociais fronte ao abandono
Na segunda das iniciativas, o PSOE denuncia que as contas autonómicas para o vindeiro exercicio volven esquecer as necesidades reais da veciñanza arteixá, limitándose a partidas para o polígono de Morás e saneamento mentres ignoran competencias básicas da Xunta. Os socialistas critican que o Goberno galego trate a Arteixo como unha "zona de sacrificio industrial", deixando en mans do Concello obras que lle corresponden á Consellería e mantendo un déficit grave de servizos públicos.
"Non podemos permitir que a Xunta siga cobrando os beneficios do noso potencial industrial mentres deixa os centros de saúde saturados, os colexios sen ampliacións e ás nosas familias sen vivenda accesible. Esiximos ao PP de Arteixo que se poña do lado dos seus veciños e apoie no pleno as emendas socialistas para liberar a AG-55, construír 200 vivendas públicas e ampliar o centro de saúde", declarou o voceiro socialista, Martín Seco.
A moción solicita o apoio do Pleno para instar á Xunta a incorporar 11 emendas prioritarias para Arteixo nos orzamentos de 2027: a liberalización inmediata da peaxe da AG-55, mellora integral da seguridade viaria na estrada AC-552 (Pastoriza, Vilarrodís, Candame, Lañas e Larín) e construción dun novo dique no Porto de Suevos.
En materia de sanidade reclaman a ampliación do saturado Centro de Saúde de Arteixo, incremento de médicos de atención primaria e implantación dun facultativo en horario de tarde no ambulatorio de Meicende; e en educación, un proxecto para un novo CEIP en Arteixo, retirada das perigosas gradas e acondicionamento do IES Manuel Murguía, e construción da cuberta da pista deportiva e vestiarios no IES de Pastoriza.
Os socialistas consideran impresindibles tamén medidas de benestar social e vivenda como a construción dun Centro de Día e residencia de maiores na zona norte do concello, un aumento da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e a construción de 200 vivendas sociais de promoción pública para compra e alugueiro.

