Os socialistas arteixáns denuncian “o progresivo empobrecemento e falta de xestión” nas festas patronais
O PSOE acusa ao goberno municipal de reducir as festas do Apóstolo a unha "pasarela de orquestras" ao renunciar por completo ás actividades culturais e á programación deportiva nun municipio que roza os 70 millóns de orzamento.
Martín Seco: “O goberno municipal actúa simplemente como unha “axencia de contratación de orquestras”
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou un rogo no pleno para denunciar o progresivo "empobrecemento e a falta de xestión" nas festas patronais de Santiago Apóstolo e solicitar a reactivación das áreas de Cultura e Deportes. O portavoz socialista, Martín Seco, afeou ao executivo de Carlos Calvelo que converta uns festexos que deberían ser un motor económico e cultural para o comercio e a hostalaría local nun programa "baleiro de contido", que este ano sumou ademais a eliminación total das probas e actividades deportivas.
Os socialistas lamentan que, ano tras ano, o Partido Popular amose a súa "incapacidade" para deseñar un calendario festivo á altura da entidade poboacional e económica de Arteixo.
Sen cultura, sen feiras e agora sen deporte
Dende o grupo municipal lembran que as festas patronais son unha oportunidade clave para dinamizar as rúas, achegar visitantes doutros concellos e ofrecer lecer de calidade aos veciños de todas as idades. Porén, a realidade da xestión do PP dista moito deste obxectivo.
"O Goberno local renunciou a planificar ciclos culturais de nivel, actuacións de referencia ou feiras, mostras e obradoiros nas rúas para os cativos e os maiores", denuncian dende as filas socialistas. O PSOE critica que a concellaría de Cultura se limite a actuar como unha "axencia de contratación de orquestras", un formato insuficiente que deixa fóra calquera outra expresión artística ou asociativa.
A maiores, a gran novidade deste ano foi a “tesoirada á área de deportes: "Decidirón eliminar directamente toda a programación deportiva do programa de festas, amosando un desprezo absoluto polo traballo que fan os clubs do municipio", advirten.
"O Apóstolo en Arteixo debería ser un referente na contorna da Coruña, pero o PP converteuno nun mero trámite sen calidade nin ambición. É un despropósito que un concello con esta capacidade económica sexa incapaz de organizar unhas festas con cultura, feiras e deporte. O alcalde non pode xestionar un municipio de 33.000 habitantes como se fose unha comisión de festas sen recursos. Arteixo merece moito máis", manifestou o voceiro socialista, Martín Seco.
Ante o "empeoramento sistemático" dos festexos e a falta de visión do executivo municipal, o PSOE rexistrou unha petición formal de cara ao vindeiro exercicio para a reactivación das áreas de Cultura e Deportes, e que o Goberno do Partido Popular poña a traballar de xeito coordinado ambos departamentos para que, no ano 2027, Arteixo poida celebrar “unhas festas patronais completas, plurales e á altura da categoría que merece o municipio”.

