Os socialistas arteixáns reclaman a mellora integral da rúa Fonte do Castro e a recuperación do seu lavadoiro tradicional
O PSOE pide ao goberno local que complete a humanización da antiga Avenida de Caión e actúe nun vial deteriorado que a veciñanza leva meses denunciando
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo instou no último pleno ao goberno local a acometer actuacións urxentes na rúa Fonte do Castro, en resposta ás peticións trasladadas pola propia veciñanza, que leva tempo reclamando unha mellora do firme, das beirarrúas e a recuperación do lavadoiro e da fonte histórica situados ao final do vial.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, lembra que nos últimos meses o Concello executou unha completa humanización do trazado antigo da Avenida de Caión —con novas beirarrúas, reorganización do estacionamento, redución da velocidade e renovación da sinalización—, unha actuación financiada con fondos europeos e que supuxo un avance importante para a mobilidade e seguridade da zona.
Con todo, o PSOE sinala que esta obra deixou fóra a rúa Fonte do Castro, onde o pavimento presenta un estado deficiente e non se acometeron melloras que permitan unha mobilidade segura para os seus residentes. Ademais, denuncian o abandono do lavadoiro e da fonte tradicional, “un patrimonio etnográfico que merecería ser recuperado e posto en valor como parte da nosa historia e identidade”.
“Se conseguimos fondos europeos para mellorar a zona, non ten sentido deixar nun estado de abandono unha rúa que conecta directamente co ámbito humanizado e que conta cun lavadoiro histórico que forma parte da memoria colectiva do barrio”, sinalan desde o grupo socialista.
Por todo isto, o PSOE de Arteixo insta ao goberno local a ampliar as actuacións xa realizadas na antiga Avenida de Caión cara á rúa Fonte do Castro, garantindo unha mellor mobilidade para a súa veciñanza e acometendo a posta en valor do lavadoiro e da antiga fonte.

