O PSOE de Arteixo denuncia que os Orzamentos da Xunta esquecen de novo o concello e ignoran as súas necesidades básicas
Os socialistas reclaman á Xunta que atenda as demandas reais de Arteixo en sanidade, educación, vivenda e infraestruturas, e que incorpore as emendas presentadas polo PSdeG aos Orzamentos de 2026
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno municipal de novembro na que alerta de que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 volven ignorar as principais necesidades sociais, sanitarias, educativas e de mobilidade do concello. Tras analizar o documento que actualmente se tramita no Parlamento de Galicia, o PSOE conclúe que “Arteixo queda fora das prioridades do goberno galego”, coa excepción dun investimento centrado practicamente en exclusiva no Polígono de Morás.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, critica que, “un ano máis, non aparece nin unha soa partida para a construción dun novo centro educativo, a pesar de que o concello sofre saturación nos actuais centros e de que existen investimentos pendentes urxentes”, como a retirada das perigosas gradas do IES Manuel Murguía ou a cuberta da pista deportiva do IES de Pastoriza.
Un concello industrial abandonado en materia social
No ámbito sanitario e social, o grupo municipal denuncia que os orzamentos non inclúen ningunha inversión para ampliar o centro de saúde de Arteixo, que continúa saturado e con graves carencias de persoal, nin para reforzar os centros de Vilarrodís e Meicende. Tampouco se contempla a creación dunha residencia e dun centro de día na zona norte, unha demanda crecente nun municipio en constante aumento de poboación.
Ademais, lembran que a Xunta segue sen cumprir coas súas obrigas legais en materia de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), mantendo un financiamento insuficiente que obriga aos concellos a asumir un custo que non lles corresponde.
Infraestruturas pendentes: AG-55, AC-552, Larín e Candame continúan esquecidos
Para o PSdeG-PSOE, outra das eivas máis graves é a ausencia de avances na liberalización da peaxe da AG-55, unha reclamación histórica que afecta directamente á mobilidade cidadá e ao tecido empresarial.
Igualmente, a Xunta continúa sen destinar recursos á mellora da AC-552, onde persisten graves deficiencias de seguridade viaria, especialmente en Larín, Lañas, Pastoriza, Candame e Vilarrodís. O resultado —sinalan— é un vial perigoso, sen beirarrúas seguras e sen actuacións que garantan o acceso en condicións ás paradas de bus instaladas nos últimos anos.
Os socialistas tamén lamentan que non se inclúa un investimento para a mellora do porto de Suevos, que require a construción dun novo dique para garantir funcionalidade e seguridade.
Vivenda: o maior problema do concello, completamente ignorado
A moción destaca que a crise de acceso á vivenda é unha das maiores preocupacións da cidadanía, mais os orzamentos só presentan unha partida simbólica. Por iso, o PSOE propón a construción de 200 vivendas públicas de compra e alugueiro no termo municipal.
As emendas do PSOE: solucións reais fronte ao abandono da Xunta
O PSdeG-PSOE incorporou ao trámite parlamentario un paquete completo de emendas, centradas nas necesidades sociais e estruturais de Arteixo:
Liberalización da peaxe da AG-55.
Mellora integral de seguridade viaria na AC-552.
Novo CIP en Arteixo.
Retirada das gradas e mellora das instalacións no IES Manuel Murguía.
Cubertada pista deportiva e vestiarios no IES Pastoriza.
Creación dunha residencia e dun centro de día na zona norte.
Incremento da achega da Xunta ao SAF.
Novo dique no Porto de Suevos.
Ampliación do Centro de Saúde de Arteixo.
Aumento do persoal de atención primaria e implantación dun médico en horario de tarde no ambulatorio de Meicende.
Construción de 200 vivendas sociais de promoción pública.
O portavoz do grupo municipal, Martín Seco, subliña que “Arteixo non pode seguir sendo tratado como unha zona de sacrificio industrial: pagamos as cargas dun municipio altamente produtivo, pero a Xunta non devolve en servizos e infraestruturas o que este concello xera”. “É hora de que o goberno galego deixe de mirar para outro lado e atenda ás necesidades básicas dun concello que contribúe como poucos ao PIB galego”, conclúe.
O PSOE solicita que a corporación municipal de Arteixo inste á Xunta de Galicia a aceptar todas as emendas presentadas polos socialistas aos Orzamentos de 2026, especialmente aquelas de carácter social.

