Os socialistas de Arteixo acusan a Calvelo de "discutir consigo mesmo" e paralizar a ordenanza de taxis de Arteixo
O PSOE denuncia que o Goberno local non dialogou nin coa oposición nin co sector tras usar esta normativa como escusa para atrasar as leis de ruído e terrazas.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo afeou as "manobras de distracción" do Goberno do Partido Popular para evitar a regulación de servizos públicos e normativas clave de convivencia. A formación denuncia que, malia as promesas do alcalde, Carlos Calvelo, o executivo local mantén totalmente conxelada a tramitación da nova ordenanza do taxi ao negarse a abrir canles de diálogo co sector e coa oposición.
O PSOE lembra que o mes pasado esixiu explicacións polo "incumprimento sistemático" da palabra do Goberno local para regular o control de ruídos e os horarios das terrazas, dous textos que “levan meses, e mesmo anos, metidos nun caixón” afirma Martín Seco, portavoz dos socialistas arteixáns. Daquela, a xustificación do alcalde foi que primeiro se debía abordar a ordenanza de taxis, aprobada inicialmente hai uns meses, para logo continuar coas outras dúas normativas pendentes.
Porén, os socialistas advirten que esta priorización foi "unha cortina de fume". Transcorrido un mes dende aquela resposta, o grupo do PP non iniciou ningunha conversación para estudar as alegacións presentadas polo PSOE e, o que é máis grave, “tampouco contactou coa asociación de profesionais do taxi de Arteixo”, que tamén presentou as súas propias emendas ao texto.
Segundo traslada Martín Seco, o alcalde limitouse a dicir na xunta de voceiros anterior ao pleno que os técnicos estaban "mirando que recoller das alegacións". "O problema é que deben estar discutindo consigo mesmos ou entre os membros do propio grupo do PP, porque ninguén alleo ao goberno local mantivo ningunha conversa nin debate sobre como mellorar o sistema de taxis", sinalan desde as filas socialistas.
"O alcalde utilizou o sector do taxi como unha escusa para xustificar por que non aproba as ordenanzas de terrazas e ruídos, pero a realidade é que tampouco fai os deberes cos taxistas. Non se pode gobernar de costas aos profesionais nin á oposición. Esiximos que o PP abandone o rodillo da maioría absoluta, se sente a escoitar as demandas de mellora do servizo e dea garantías tanto aos usuarios como aos traballadores do sector", declarou con firmeza o voceiro socialista, Martín Seco.
Ante o bloqueo técnico e político da normativa, o PSOE esixe a apertura inmediata de negociacións, as conversacións cos grupos da oposición e, de forma prioritaria, co colectivo de taxistas para consensuar unha ordenanza reguladora que modernice o servizo e mellore as condicións laborais dos profesionais.

