O PSOE esixe ao goberno local de Arteixo campañas de información para a prevención de incendios nas pistas locais
Os socialistas lembran que o 31 de maio expirou o prazo legal para a limpeza de parcelas e instan ao Concello a activar as inspeccións e rozar os camiños municipais.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo urxiu ao Goberno local do Partido Popular a poñer en marcha unha campaña informativa para a limpeza de fincas ante o inicio da tempada de alto risco de incendios forestais. A formación denuncia a "total ausencia" de información por parte do Concello e esixe que a administración local asuma as súas competencias para garantir a seguridade dos núcleos urbanos e rurais.
O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que, consonte á Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, todos os propietarios de parcelas forestais tiñan a obrigatoriedade de telas limpas antes do 31 de maio. Ao superarse esta data límite, o Concello ten a facultade de aplicar a execución subsidiaria de limpar e pasar a factura ao dono, e abrir expedientes con sancións que oscilan entre os 1.000 e os 10.000 euros,ademais de multas coercitivas de 900 euros por hectárea cada tres meses.
Seco sinalou que o Concello de Arteixo “está a fallar na súa obriga de lembrar á poboación as normas básicas de protección”. A lexislación esixe manter unha franxa de 50 metros libre de biomasa arredor de vivendas, núcleos urbanos, gasolineiras, industrias e instalacións situadas a menos de 400 metros do monte, un mandato clave para o que existe un convenio asinado coa FEGAMP, a Xunta e SEAGA.
Abandono nas pistas municipais e queixas veciñais
A iniciativa do PSOE faise eco das denuncias de numerosos veciños que alertan da falla de limpeza en parcelas colindantes con vivendas. A maiores, a cidadanía trasladou o seu malestar polo estado de abandono das propias infraestruturas do Concello. "Moitas pistas municipais presentan un difícil tránsito pola acumulación de maleza, o que non só eleva o risco de incendios, senón que xera unha evidente inseguridade viaria", advirten desde as filas socialistas.
"Mentres outros concellos da contorna realizan campañas activas de sensibilización para que os veciños actúen conforme á lei, o PP de Arteixo mantén un silencio preocupante. Non se trata de esperar a que arda o monte para lamentarse, senón de previr. O Concello ten que publicitar as obrigas, inspeccionar as parcelas de risco e, dende logo, dar exemplo limpando as súas propias pistas, que hoxe están intransitables", declarou con firmeza Martín Seco.
Ante esta situación de desinformación e falta de mantemento, o Grupo Socialista preguntou no pleno por que o Concello non utiliza os medios ao seu alcance para publicitar a obrigatoriedade de ter limpas as parcelas e evitar incendios, e como vai o proceso de inspección daquelas franxas próximas ás vivendas, e cando teñen previsto eliminar a maleza nas pistas municipais para garantir a seguridade viaria e a prevención de lumes no termo municipal.

