Os socialistas de Arteixo piden explicacións pola aparición de aves mortas e unha praga de pulgas no paseo fluvial mentres o PP cala e non informa á veciñanza
A veciñanza denuncia a presenza de aves mortas sen recoller e picaduras múltiples por pulgas, sen que o concello advirta nin actúe con transparencia.
Imaxe enviada por un veciño de Arteixo
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo amosa a súa preocupación ante as múltiples queixas recibidas por parte da cidadanía pola aparición de aves mortas e unha praga de pulgas no paseo fluvial do río Bolaños. A situación, que afecta a diferentes tramos do paseo —desde O Rañal ata a zona do campo de fútbol de Ponte dos Brozos— está xerando alarma entre os veciños e veciñas, sen que o goberno local dea explicacións nin informe publicamente.
“Recibimos imaxes e testemuñas de persoas afectadas, como unha veciña que sufriu máis de 40 picaduras na zona do Rañal, precisando atención médica por reacción alérxica. Esta praga foi comunicada ao concello hai máis de dúas semanas e, por desgraza, non se tomou ningunha medida nin se emitiu aviso algún á veciñanza”, sinala o voceiro socialista, Martín Seco.
No que respecta á aparición de aves mortas, os socialistas esixen que o Concello de Arteixo solicite de inmediato un informe á Consellería de Medio Ambiente para determinar a causa e avaliar se existe risco para a saúde pública. “Queremos saber se se trata dunha enfermidade, dun problema ambiental ou dun episodio puntual, pero sobre todo queremos que se informe con claridade e rigor”, engade Seco.
O PSOE de Arteixo lamenta que o PP utilice os medios municipais só para a súa propaganda política, e non como ferramentas de servizo público. “É inxustificable que o Concello non utilice os seus medios oficiais para alertar á poboación dunha praga que está a afectar á saúde da veciñanza. O silencio non é unha solución, é unha irresponsabilidade”, critica Martín Seco.
Por todo isto, o Grupo Socialista solicita:
Que se solicite un informe urxente á Xunta de Galicia sobre a morte das aves na contorna do paseo fluvial.
Que se informe de forma inmediata á cidadanía sobre a existencia da praga de pulgas e os puntos afectados.
Que se esixa á empresa responsable do control de pragas unha actuación de desinfección inmediata e eficaz.
Que se utilicen os canais de comunicación do Concello para garantir o dereito da poboación a estar informada de situacións que afectan á súa saúde.