O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia a inacción do goberno local fronte aos graves incumprimentos da empresa Osventos, concesionaria do SAD no norte do concello

Os socialistas denuncian que malia deixar sen atención a numerosos usuarios/as cada día, o goberno non abre expediente sancionador á empresa mentres si o fai coa concesionaria da zona sur

O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia a inacción do goberno local fronte aos graves incumprimentos da empresa Osventos, encargada do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) na zona norte do concello, mentres decide sancionar con celeridade á empresa da zona sur por motivos menores como a falla dunha aplicación informática.

O voceiro socialista, Martín Seco, critica que “decenas de usuarios e usuarias levan días sen recibir a atención básica á que teñen dereito, sen que o Concello mova ficha”, a pesar de ter constancia da situación dende hai meses. “No pleno de xullo agardabamos que o PP anunciase medidas ou un expediente sancionador, pero o alcalde e a concelleira limitáronse a atacar ao noso grupo e ás traballadoras, desviando a atención da súa irresponsabilidade”, asegura.

Desde o Grupo Municipal Socialista tamén se denuncia que a concelleira de Servizos Sociais mentiu no pleno ao afirmar que o contrato só esixe unha coordinadora para o servizo, cando o prego de condicións especifica a necesidade de dúas coordinadoras para a zona norte do concello. “É gravísimo que, en lugar de defender aos usuarios e facer cumprir o contrato, a concelleira xustifique á empresa cunha mentira. A pregunta é clara: por que minten para protexer a Osventos?”, sinala Seco.

Segundo o grupo socialista, a raíz do problema está na falla de planificación e na falta de coordinadoras por parte da empresa, algo que xa advertiran no pasado. Ademais, o PSOE mostra a súa sorpresa ante as informacións que sinalan que a familia do alcalde estaría recibindo un servizo personalizado e continuo mentres outras persoas usuarias quedan sen atención, o que podería explicar a actitude permisiva do goberno local con Osventos.

“Resulta escandaloso que se sancione a unha empresa por non activar unha app e se ignore que outras persoas maiores ou dependentes non están sendo atendidas nos seus domicilios”, denuncia o voceiro socialista.

Desde o PSOE tamén rexeitan que se culpe a outras administracións ou aos traballadores municipais: “Aquí non é un problema de falta de financiamento por parte da Xunta de Galicia, como pode ocorrer noutros concellos. En Arteixo acaban de aprobarse máis de 7 millóns de euros en obras no último pleno, pero non hai recursos para garantir un servizo esencial como este”, destacan.

Martín Seco remata esixindo ao alcalde que “deixe de agocharse, dea a cara, actúe con firmeza fronte á empresa Osventos e deixe de escudarse noutras administracións ou en supostas folgas inventadas para xustificar a súa falta de xestión”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo propón un concurso de ideas para mellorar a imaxe dos accesos viarios ao municipio