Moción de rexeitamento ao copago de fármacos hospitalarios que votou en contra o PP de Arteixo
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
Dende a posta en marcha, no ano 2012,
do Real Decreto – Lei 16/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes mal chamado
para a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde, moitos foron os pasos dados
pola administración en contra dos dereitos dos doentes, incluso dos máis
graves.
Unha das medidas máis importantes é a obrigatoriedade de
cofinanciar unha parte do custo dos medicamentos por parte dos pensionistas,
que pasaron de non pagar polos medicamentos a pagar entre o 10% e o 20% en
función da súa renda.
Á introdución do repagamento temos que engadirlle a
exclusión de máis de 400 fármacos da lista de medicamentos financiados, os
cales dende entón multiplicaron o seu custo. Ambas medidas sumadas están rompendo o equilibrio das economías máis
fráxiles, dun xeito moi especial dos xubilados e xubiladas coas pensións máis
baixas.
Non debemos esquecer que os salarios e as pensións en
Galicia son dos máis baixos do Estado, polo que esta medida, sumada a outras
tamén antisociais que xa se teñen aplicado pola dereita, tanto polo Goberno de
Rajoy como polo Goberno de Feijóo, cunha nefasta xestión e complicidade que
ambos comparten con políticas en común contra a igualdade de oportunidades e os
servizos públicos, que están a deteriorar a calidade de vida e a empeorar as
desigualdades sociais.
Os Concellos galegos son dos que teñen
mais poboación envellecida. E
polo tanto máis pensionistas e máis enfermos crónicos, que é a poboación máis
afectada porque é a que consume máis medicamentos. Pensionistas que ademais do
repago dos medicamentos teñen que facer fronte ás subidas do IVE, as subidas de
IRPF, da auga, do transporte... con pensións que en moitos casos non superan os
600 euros.
Estamos comprobando que esta medida do repago
non reduciu o gasto farmacéutico, senón que aumentou o gasto das economías dos
enfermos, dos pensionistas e dos cidadáns. E dada a situación económica das
familias estanse a dar xa casos de persoas que non recollen os medicamentos
despois de ser receitados polo médico por falta de recursos económicos.
Pero se as medidas impostas ata agora
trala publicación do Real Decreto eran inasumibles, os sucesivos recortes e
repagos que van aparecendo co desenrolo do mesmo aínda están complicando máis as cousas.
Recentemente publicábase no Boletín
Oficial do Estado, o 19 de setembro, a Resolución do 10 de setembro de 2013, da
Dirección General de Cartera Básica de Servicios del Sistema Nacional de Salud
y Farmacia, pola que:
- Se procede a modificar as condicións
de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do
Sistema Nacional de Salud mediante a asignación de achega do usuario, en
desenrolo do Real decreto-lei 28/2012, do 30 de novembro, de medidas de
consolidación e garantía do sistema da Seguridade Social.
Con esta publicación, feita por certo sen
notificación ou información previa do Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e
Igualdade, o Goberno evitaba a súa publicidade tratando de soslaiar a reacción
adversa dos profesionais da sanidade, dos pacientes afectados e das súas
familias, presentándoo así como un feito consumado.
Este Decreto vén
de modificar tamén as condicións do financiamento dos medicamentos incluídos na
prestación farmacéutica ambulatoria nos hospitais ao implantar o repago por
parte das persoas usuarias.
O goberno do PP chámalle a isto aportación reducida,
pero é unha mentira máis, xa que se trata de pagar o 10% do medicamento de
dispensación ambulatoria na farmacia hospitalaria ata 4,20 euros por cada envase e por cada medicamento, non en total, o
que supón que o que está máis enfermo é o que máis paga, nun contexto de crise
e perda de recursos para a cidadanía. En definitiva, outro novo imposto.
A inxustiza e a crueldade destas medidas vén
dada polo feito de que vai ser aplicada aos pacientes mais graves e a moitos
enfermos crónicos que van ter que
empezar a pagar por ese tipo de medicación.
A ministra, Sra. Mato,acorda por medio desa medida
impoñer o repago de 157 presentacións farmacolóxicas duns 50 medicamentos que
abordan patoloxías de gravidade e cronicidade tales como o cancro de mama
avanzado, o cancro de ril avanzado, o tratamento de diversos tumores cerebrais,
a leucemia mieloide crónica, a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a
hepatite C Crónica, entre outros.
Ante esta circunstancia, moitas foron
as asociacións e colectivos de pacientes, profesionais sanitarios e
consumidores os que elevaron a súa protesta á administración. De igual maneira
o fixeron algunhas comunidades autónomas, como Castela e León, Andalucía,
Asturias ou País Vasco, que amosaron a súa incomprensión ante unha medida tan
ineficaz como inxusta.
En Galicia, o señor Feijóo xa ten anunciado que as vai
comezar a aplicar no mes de xaneiro, sen ningún cuestionamento nin oposición,
aínda sabendo o prexudicial que é para os pacientes máis graves e o pouco
efectiva que vai ser dende o punto de vista económico.
Esta medida, que introduce outro repago mediante un novo
imposto aos máis enfermos e aos máis
débiles, supón un quebranto para a saúde pública que se deriva de cobrar
tratamentos en situacións de risco para a vida humana,
Un dereito como é o da saúde non
pode convertirse nun privilexio.
Por todo iso, o Grupo Municipal
Socialista no Concello de Arteixo propón na seguinte MOCIÓN:
1ª.- Que este Concello solicite do Goberno Galego a NON
aplicación na CCAA de Galicia da Resolución do 10 de setembro que implanta o
repago na dispensación ambulatoria dos
medicamentos de farmacia hospitalaria indicados para tratamento de
graves patoloxías e de doenzas crónicas.
2º.- Instar á
Xunta de Galicia a demandar do Goberno central a retirada da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección General de Cartera Básica
de Servicios del Sistema Nacional de Salud y Farmacia.