Mocións sobre o seguro de mal tempo para marisqueiros e pescadores e sobre os estudantes da Laboral
MOCIÓN QUE PRESENTA O Grupo Municipal Socialista do concello de ARTEIXO, diante da grave situación en que se atopan miles de familias que se dedican a pesca e o marisqueo no noso concello (en Galicia)
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O SECTOR
PESQUEIRO E MARISQUEIRO:
A 31 de decembro de 2013 estaban dadas de alta no Réxime
Especial do Mar (REM) en Galicia 21.713 persoas. Todas estas persoas teñen algo
en común: exercen unha profesión que non ten un salario fixo, que non ten unha
data mensual para a recepción da súa nómina, que non ten horarios, que non
poñen eles o prezo da súa mercadoría e que están suxeitos a circunstancias absolutamente incontrolables
por eles como son a metereoloxía adversa, a Política Pesqueira Común, a
heteroxénea lexislación autonómica, nacional e comunitaria, etc.
O sistema retributivo de todas estas persoas está
fortemente condicionado polo nivel das capturas, o prezo acadado nas lonxas
polo seu produto e polo modo de reparto previamente establecido entre o armador
(no caso das embarcacións con mais dun tripulante) e o traballador. En tódolos
casos hai unha constante inmutable: se non se pesca non se cobra.
O modelo mais común é o sistema de reparto á parte. Este
modelo significa que, do total obtido
polas capturas fanse partes proporcionais. A mais común establece
entre o 50-60 % corresponda á embarcación e o restante divídese entre as partes
establecidas no conxunto da tripulación. Hai que ter en conta que non hai
tantas partes como tripulantes si non que estas establécense en función do
cargo que se desempeña, así un mariñeiro pode ter unha parte pero o patrón pode
ter mais. Cando a actividade se fai de xeito individual ou sen necesidade de
embarcación, cambia o modelo retributivo pero non as circunstancias en que se
exerce a profesión.
Pero as xentes que exercen esta profesión teñen gastos e
obrigas que, estas si, hai que abordalas con regularidade: pagos da Seguridade
Social, impostos, taxas, mantemento de embarcacións, gastos correntes, etc,
etc, polo que en determinadas épocas do
ano a economía das familias mariñeiras vese sometida a duras probas. Para paliar
estes períodos de dificultade recorríase, anos atrás, a subscrición de pólizas
de crédito cos bancos. Hoxe é imposible polas circunstancias financeiras que
todos coñecemos.
A INFLUENCIA DA
CLIMATOLOXÍA:
Dende o 15 de decembro téñense producido en Galicia unha,
cando nos dúas, cicloxéneses explosivas
por semana, coas conseguintes consecuencias: ventos moi por riba dos cen
quilómetros por hora (houbo episodios de 190), ondas que chegan a acadar os 13 metros de altura,
choivas incesantes (que implican alto índice de mortalidade de bivalvos polos
aportes de auga doce da choiva e dos ríos ás rías), ruptura de amarres,
períodos prolongados de vixilia para preservar as embarcacións e as artes de
imprevistos, danos en instalacións portuarias e en casetas, etc.
Ate o día de hoxe téñense producidos avisos de alarma
vermella no mar por cada unha das cicloxéneses producidas. Estas alarmas teñen
distinta percepción en terra que no mar. Cando pasa un fronte moi activo por
riba de Galicia preséntase con fortes ventos, normalmente do sudoeste, que acaban
dando paso a copiosas choivas para ir minguando paulatinamente cando os ventos
rolan ao norte-noroeste. Aquí baixan as temperaturas, hai chuvascos esporádicos
e incluso sensación de bonanza en terra coa saída do sol puntualmentePero no
mar é distinto. A todo o anterior, que se sofre como en terra, hai que engadir
que despois dun fenómeno polo que se decretan alertas vermellas, durante varios
días ven o Mar de Fondo que son as ondas que o forte vento formou
ao seu paso polo mar. Neste inverno practicamente non houbo ningún día, dende
mediados de decembro, que as ondas baixasen dos cinco metros con episodios que
duraron días, en que a constante foi de ondas por riba dos oito metros de
altura. Nesas circunstancias solo poden saír a faenar un número moi reducido de
embarcacións cando as ondas están por debaixo dos seis metros e con pouco
vento: algún cerqueiro, arrastre de litoral, algún palangreiro, etc.
A maior parte da flota non pode saír a pescar polo seu
reducido tamaño. Debemos ter en conta que a flota galega está composta por case
4.600 embarcacións de pesca das que 4.016 son de artes menores.
Isto significa que son o groso da flota que sorte os nosos mercados: naseiros,
trasmallos, vetas, palangre, cerqueiros pequenos, gamelas, etc., e que, na súa
inmensa maioría, teñen entre un e cinco tripulantes. Nin que dicir ten que os
mariscadores a pe e a flote que se dedican ao percebe permaneceron durante dous
meses sen ningunha posibilidade de exercer a súa profesión e que o marisqueo a
pe veu como se gran parte dos bivalvos acababan arrastrados polas riadas ou
mortos pola baixa salinidade das augas.
CONSECUENCIAS ECONÓMICAS
Decembro é o verán son as épocas en que os prezos dos
peixes e mariscos acadan o seu valor mais alto e moitas confrarías organízanse
para preservar determinadas zonas e especies para explotalas nestas datas.
Pero, cando a climatoloxía se comporta coma neste inverno, estase a producir un
dano irreparable nas economías pesqueiras xa que, por riba da imposibilidade de
pescar ou mariscar, en moitos casos téñense feito investimentos para abordar
este período con mais garantías de éxito económico.
Na maioría das lonxas galegas teñen minguado as ventas de
peixes e marisco en porcentaxes que, nalgún caso, chegan ao 50%, especialmente
naquelas onde o PIB local é mais dependente desta actividade. As razóns son a
baixada de prezos que se ven producindo
nos últimos tempos, e a práctica inexistencia da campaña de Nadal polos
fenómenos climáticos.
UN SEGURO DE MAL TEMPO
Conscientes desta situación o Goberno de Emilio Pérez
Touriño, sendo Carmen Gallego conselleira de pesca, puxo en práctica o coñecido
como SEGURO DO MAL TEMPO. Este seguro, o primeiro que se poñía en
marcha no mundo, pretendía que, baixo determinadas circunstancias climáticas,
os mariñeiros puideran asegurarse uns ingresos básicos sen ter que xogarse a
vida para manter á familia e a empresa familiar. Garantía uns ingresos de 125€
diarios ate un máximo de 2.500 por exercicio.
Ao ser un seguro novo e sen experiencias previas, tiña
algunhas dificultades na súa aplicación e na interpretación das cláusulas
aseguradas. As razóns, a parte do novedoso do seguro, é a heteroxénea
composición das “familias” profesionais das xentes do mar: para un cerqueiro
unha onda de catro metros é “o normal”, para un percebeiro é “baga de mar
campal”. A pesar diso había disposición para ir mellorando o sistema e de
aprender en base a experimentación, tal como se fixo no seu día cos seguros
agrarios. A administración subvencionaba o seguro en preto co 78%% do custe da
póliza.
Co cambio de goberno tomouse, entre outras medidas que
recortaron medidas de protección para o sector pesqueiro e marisqueiro, a
decisión de eliminar o Seguro de Mal Tempo sen medir as consecuencias nin
tentar buscarlle solución as eivas que se tiñan detectado ate o momento, xa
que, cando os períodos de mal tempo son prolongados, os traballadores e as
traballadoras do mar non obteñen ningún ingreso e deben recorrer aos aforros,
se teñen a sorte de dispor deles, a
solidariedade familiar, ou suplicar axudas públicas para facer fronte as súas
necesidades mais perentorias: alimentación, roupa, impostos, taxas,etc.
Para que esas circunstancias non se produzan existen
mecanismos de seguranza que permiten as familias, que teñen o seu campo de
actividade noutros sectores primarios, asegurarse uns mínimos vitais en caso de
climatoloxía adversa ou catastrófica. Dende fai mais dun século existen os
seguros agrarios que dan resposta a situacións como as que aquí describimos.
O DESCANSO SEMANAL:
Outra das circunstancias que actúa contra o sector, sendo
unha boa medida, é o descanso semanal de sábado e domingo establecido con
carácter xeral xa que a climatoloxía non entende de días concretos da semana
para “descansar”. Así, pódese dar a circunstancia de que durante toda a semana
sexa imposible saír a faenar e chegado o sábado e domingo se produza unha
tregua nas condicións do tempo, ou coincida con mareas vivas que permitirían o
marisqueo en sitios algo mais abrigados; sen embargo a lexislación impide que
durante ese período se traballe no mar. Esta circunstancia é especialmente
gravosa para as economías familiares cando, coma neste inverno, os períodos de
inactividade son moi prolongados.
Diante
desta situación, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,
ACORDO:
O
Concello de Arteixo insta a Xunta de Galicia a:
1.-
Reintroducir o Seguro de Mal tempo como medida que garanta ,as persoas que
teñen o seu traballo no mar, uns ingresos mínimos dignos durante os períodos
prolongados de inactividade por
climatoloxía adversa.
2.- A
flexibilizar a normativa que establece o descanso semanal obrigatorio para os
días sábado e domingo, cando as condicións climáticas e as mareas fagan
imposible a actividade ao longo do resto da semana.
3.- A
que, con carácter de urxencia e mentres non se fagan efectivas as medidas
propostas nos puntos 1 e 2, se habiliten medidas, programas e recursos
suficientes para facer fronte as grave situación económica que están a pasar as
familias mariñeiras do noso concello, da Costa da Morte e de toda Galicia, por
mor da inactividade forzosa a que se ven sometidos como consecuencia dos continuados temporais deste inverno.
MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL
SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO CON MOTIVO DOS CURSOS DE FORMACIÓN PARA
ESTUDANTES DA ESPECIALIDADE MARÍTIMA PESQUEIRA DA UNIVERSIDADE LABORAL
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Na
actualidade, no IES Universidade Laboral da comarca de A Coruña véñense
impartindo ciclos formativos de grao medio (Técnico en navegación e pesca de
litoral e o de Técnico en operación, control, mantemento de máquinas e
instalacións do buque) e un ciclo formativo de grao superior (Técnico en
transporte marítimo e pesca de altura e o de Técnico Superior en Supervisión,
control de máquinas e instalacións do buque).
Hai
matriculados algo máis de 150 alumnos, entre eles rapaces do noso concello
arteixán, polo que a formación do sector do mar na nosa comarca require dunha
atención axeitada. Os títulos dos estudos que moitos dos nosos mozos/as optan
por facer no ámbito do mar e que expide a Consellería de Educación, non
habilitan para poder exercer a profesión se non van acompañados da preceptiva
formación complementaria que esixe a Mariña Mercante Española: o curso avanzado
de formación sanitaria específica, curso avanzado de loita contra incendios,
curso avanzado de botes de rescate non rápidos, de operador xeral do Sistema
Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos (GMDSS) e o curso de Radar de Punteo
Automático (ARPA).
Estes
cursos, obrigatorios e necesarios para poder enrolarse nunha embarcación e
exercer o cargo para o cal os alumnos/as estudaron e se formaron durante dous
anos, actualmente non se están ofertando dentro do programa de ciclos de
formación profesional do IES Universidade Laboral.Este feito obriga aos alumnos
a acudir a entidades privadas para poder realizalos, o que leva aparellado un
elevado custe económico (1000€ - 1500€ curso), motivo que en moitos casos
imposibilita que os nosos mozos/as os poidan cursar. Isto contrasta có feito de
que na Escola Oficial Náutico-Pesqueira do Atlántico (Vigo) e na Escola Oficial
Náutico-Pesqueira de Ferrol, ofértanse moitos deles de xeito gratuíto, o que
supón unha discriminación á respecto do alumnado da nosa Universidade Laboral e
unha perda de competitividade da mesma fronte aos outros centros públicos
galegos.
Diante
desta situación, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,
ACORDOS:
1) Instar ao Goberno galego a que se adopten as
medidas necesarias para que o alumnado da especialidade Marítimo-Pesqueira
do IES Universidade Laboral poidan cursar no mesmo os cursos de: Avanzado de
formación sanitaria específica, Avanzado de loita contra incendios, Avanzado de
botes de rescate non rápidos, Operador xeral do Sistema Mundial de Socorro e
Seguridade Marítimos (GMDSS) dando as mesmas oportunidades aos alumnos
deste centro cos que estudan nas outras Escolas Náutico-Pesqueiras de Galicia e
que non teñan que pagalo ás Escolas privadas.
2) Instar ao Goberno galego a que se adapte o campo de
fogo do IES Universidade Laboral para
poder recibir no mesmo os cursos de loita contra incendios imprescindibles para
enrolarse nunha embarcación e acceder ao grao para o que se están formando
durante dous anos
3)
Instar ao
Goberno galego a conveniar coa Universidade da Coruña a utilización dos medios
tecnolóxicos da Escola Superior de Náutica para poder recibir os cursos de
Operador de GMDSS aproveitando os recursos materiais existentes e
facilitando a formación dos futuros profesionais que cursan o grao no IES
Universidade Laboral