MOCIÓN SOBRE A PRIVATIZACIÓN DO REXISTRO CIVIL
MOCIÓN
A reforma da administración de Xustiza que iniciou, e continúa desenvolvendo, o Goberno, ten como denominador común o seu alonxamento dos cidadáns e o fin da gratuidade dun servizo público esencial.
O primeiro paso foi o establecemento de taxas xudiciais para poder acceder aos tribunais, unha medida que mereceu o rexeitamento practicamente unánime do mundo xudicial (Xuíces, Fiscais, Avogados, Procuradores, funcionarios,…) e da cidadanía en xeral, que veu limitado un dereito constitucionalmente recoñecido en base a criterios estrictamente económicos, limitación á que son alleos os bancos, empresas e grandes corporacións.
O segundo chanzo o atopamos no proxecto de modificación da Lei de Demarcación e Planta Xudicial, actualmente pendente de tramitación, que prevé a desaparición dos Xulgados de 1ª instancia e Instrución existentes en Vilas e pobos, e con eles a actual división en partidos xudiciais, concentrando os servizos nas capitais de provincia.
Seguindo nesta escalada, parece que se confirma, pese ó secretismo co que se está levando, a pretensión do Goberno de entregar o Rexistro Civil ao Colexio Nacional de Rexistradores da Propiedade, traspasando a estes profesionais os datos e servizos públicos do Rexistro Civil, que cobrarán por expedir certificacións de nacemento, defunción, matrimonio, fe de vida, nacionalidade, etc., documentos moi demandados diariamente polos cidadáns para trámites relacionados co emprego, pensións, colexios, herdanzas e moitas xestións máis, pasando a ter que pagar por un servizo que ata o de agora era gratuíto e ao que se podía acceder vía internet dende a casa, sen ter que desprazarse nin perder horas de traballo, tras investir 128 millóns de euros do erario público na súa informatización.
Tendo en conta o importe habitual das certificacións expedidas polo Rexistro da Propiedade, e multiplicado polos máis de 1.300.000 trámites anuais do Rexistro Civil, pódese apreciar o alcance do regalo que realiza o Goberno a un colectivo tan “desfavorecido” coma o dos Rexistradores, ao que pertence o propio Presidente Rajoy, estimando que alcanzarán unha facturación anual de 150 millóns de euros, non entendendo que, si hai que cobrar algún trámite -do que non somos partidarios- non o cobre directamente Xustiza en lugar de que se leven o diñeiro uns particulares, que xestionarán, deseñarán e explotarán comercialmente o que ata o de agora foi un servizo público gratuíto.
Os socialistas de Arteixo queremos chamar tamén a atención sobre unha consecuencia da privatización do Rexistro Civil, que directamente afecta á nosa Vila, e é a máis que posible desaparición dos Xulgados de Paz nos Concellos, e, posteriormente, os partidos xudiciais, coa reforma que está en marcha e á que xa fixemos referencia, alonxando a administración dos veciños e cargando sobre as súas maltratadas economías o acceso a un servizo público esencial, coma é a Administración de Xustiza.
Por todas estas razóns, e dado que estas medidas aínda non se fixeron efectivas mediante a presentación dun proxecto oficial, dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE queremos facer un chamamento a todos os grupos políticos que integran a Corporación Municipal de Arteixo , para a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1º.- O Concello de Arteixo rexeita a privatización e traspaso aos Colexios de Rexistradores dos datos e servizos públicos do Rexistro Civil, e solicita que se asigne a súa xestión aos secretarios xudiciais e que se manteñan os Xulgados de Paz existentes nos nosos Concellos.
2º.- Remitir este acordo ó Sr. Ministro de Xustiza e ó. Sr. Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.