A falta de baños e fontes nos parques de Arteixo chega ao pleno municipal
Os socialistas denuncian a falta de servizos básicos en zonas de lecer e critican que o goberno local “opte por eliminalos en lugar de melloralos”
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno un rogo para reclamar a instalación de baños públicos e fontes nos principais parques, paseos e zonas de esparexemento do municipio, ante a falta destes servizos básicos en espazos moi utilizados pola veciñanza.
Desde o PSOE sinalan que esta é unha das demandas máis reiteradas pola cidadanía, especialmente en lugares como o parque central, o paseo fluvial do río Bolaños e o Rego da Bidueira, o entorno do parque de Monticaño ou as pistas deportivas do campo da festa de Arteixo e Meicende.
Segundo indica o portavoz municiapl Martín Seco, “nestas zonas resulta habitual non atopar baños públicos abertos nin puntos de auga, o que xera incomodidades tanto para veciños como para visitantes”.
Os socialistas tamén denuncian situacións concretas como o peche habitual dos baños do parque do Seixedo ou a inexistencia de alternativas en espazos privados en determinadas áreas, o que agrava a carencia destes servizos.
Ademais, critican que mentres outros concellos da contorna avanzan na instalación de infraestruturas deste tipo, xa sexan fixas ou móbiles, en Arteixo “a tendencia é a contraria”, optando por eliminar servizos para evitar o seu mantemento ou posibles actos vandálicos.
Desde o grupo municipal consideran que esta decisión prexudica á maioría da cidadanía que fai un uso responsable dos espazos públicos e reclaman un cambio de enfoque que priorice a calidade dos servizos municipais.
Por todo iso, o PSOE instou ao goberno local a planificar a instalación de baños públicos e fontes nos puntos de maior afluencia, co obxectivo de mellorar a experiencia da veciñanza nos seus momentos de lecer e garantir uns servizos básicos acordes ao uso destes espazos.
Martín Seco conclúe que dotar estes lugares de infraestruturas adecuadas é “unha cuestión de sentido común e de calidade de vida”, e reclama ao executivo local que atenda unha demanda “tan básica como necesaria” para o día a día da cidadanía.

