Os socialistas levan ao pleno un plan de vivenda fronte á “pasividade” do goberno de Arteixo
O PSOE propón medidas urxentes para abaratar o acceso á vivenda e denuncia a ausencia de políticas municipais eficaces
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no pleno deste mes unha moción centrada no acceso á vivenda, un dos principais problemas sociais e económicos que afecta á cidadanía, especialmente nun municipio marcado polo seu crecemento industrial e a súa proximidade á área metropolitana da Coruña.
Desde o PSOE lembran que levan meses impulsando iniciativas neste ámbito e advirten de que a situación actual está a dificultar que moitas persoas poidan acceder a unha vivenda en condicións dignas, tanto en réxime de alugueiro como de compra.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que “o incremento dos prezos e a falta de oferta están a provocar que mozos non poidan emanciparse, que familias teñan que destinar unha parte excesiva dos seus ingresos á vivenda ou que se produzan procesos de expulsión de veciñanza dos seus barrios”.
Os socialistas apuntan que, aínda que a competencia principal en materia de vivenda recae na Xunta de Galicia, outras administracións están a aplicar medidas para facer fronte a esta problemática. Neste sentido, critican a “falta de implicación” do Goberno galego e reclaman unha maior coordinación co Estado para desenvolver políticas eficaces que garantan o dereito á vivenda.
No caso de Arteixo, consideran que o goberno local “non está a actuar coa urxencia necesaria”, limitándose a anunciar futuras promocións de vivenda protexida na Penouqueira que, segundo indican, non estarán dispoñibles ata dentro de varios anos e serán insuficientes para dar resposta á demanda existente.
Fronte a esta situación, o PSOE propón un paquete de medidas que inclúe instar á Xunta a colaborar co Goberno central no desenvolvemento do Plan Estatal de Vivenda e a blindar o parque público para evitar a súa desprotección. Ademais, reclaman a construción urxente de vivenda pública en Arteixo e a posta a disposición de novo solo para este fin.
A nivel local, a moción aposta pola elaboración dun estudo detallado sobre a evolución dos prezos da vivenda no municipio nos últimos anos, co obxectivo de avaliar se Arteixo cumpre cos requisitos para ser declarado zona de mercado residencial tensionada, o que permitiría aplicar mecanismos de control de prezos previstos na lexislación estatal.
Outro dos eixos da proposta é a creación dun Plan Municipal de Vivenda e dunha empresa pública do solo que permita mobilizar a importante cantidade de vivenda baleira existente no concello, ofrecendo incentivos e seguridade aos propietarios para incorporala ao mercado a prezos accesibles.
Seco insiste en que os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, deben implicarse activamente na procura de solucións, e reclama ao goberno local que “deixe de mirar para outro lado” e adopte medidas concretas para garantir o acceso a unha vivenda digna en Arteixo.

