O PSOE de Arteixo afea ao goberno local o abandono do parque de Pastoriza e a falta de acondicionamento en espazos para aparcar
Os socialistas alertan do risco por árbores sen podar durante anos e denuncian unha beirarrúa chea de lama nunha zona moi transitada
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno municipal un rogo no que critica a falta de mantemento do goberno local en distintos espazos públicos da parroquia de Pastoriza, poñendo como exemplo o estado do parque da Igrexa e dun tramo da Avenida de Pastoriza.
Desde o PSOE lembran que levan tempo reclamando a reparación do muro que rodea o parque, situado entre as rúas Camposanto e Ramón y Cajal, así como actuacións de mantemento na vexetación. Porén, o portavoz socialista, Martín Seco, asegura que o executivo local “non fixo absolutamente nada” desde aquela petición.
Seco advirte de que esta falta de actuación está a provocar unha situación de abandono no parque, especialmente preocupante no caso das árbores, que segundo denuncian levan arredor de catro anos sen podar, co conseguinte risco para as persoas usuarias deste espazo.
Ademais, o grupo municipal tamén puxo o foco no estado da beirarrúa da Avenida de Pastoriza, no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Lagarto e a rúa Gregorio Hernández. Neste punto, denuncian que a presenza habitual de lodo, provocada polos vehículos que acceden a unha parcela próxima, dificulta o paso dos peóns e deteriora a imaxe do entorno.
Segundo indican, esta problemática repítese noutras zonas do municipio, onde a falta de control sobre solares utilizados como aparcadoiros improvisados acaba afectando directamente á mobilidade e á seguridade da veciñanza.
Por todo iso, o Grupo Socialista reclamou no pleno que se repare o muro do parque, se realice o mantemento da vexetación e se adopten medidas para evitar o mal estado da beirarrúa, incidindo en que se trata de actuacións básicas que non poden seguir demorándose.
Desde o PSOE conclúen que estas situacións evidencian “unha clara falta de mantemento e planificación” por parte do goberno local, e reclaman unha resposta inmediata para garantir espazos públicos seguros e en condicións adecuadas para a veciñanza.

