A militancia do PSOE de Arteixo aproba por unanimidade un comunicado de condena fronte ao acoso e abuso contra as mulleres
A agrupación local esixe tolerancia cero, protección ás vítimas e actuacións firmes e transparentes no seo do partido
A Agrupación Local do PSdeG-PSOE en Arteixo ven de aprobar por unanimidade en asemblea, un comunicado no que expresa a súa condena firme ante as situacións de acoso e abuso contra as mulleres coñecidas recentemente no seo do partido, así como o seu compromiso coa igualdade, o feminismo e a defensa dos dereitos das mulleres.
No texto, que se achega de maneira íntegra a esta nota, a militancia socialista de Arteixo manifesta o seu malestar e preocupación polos feitos denunciados, subliñando que este tipo de condutas non teñen cabida nunha organización que historicamente estivo á vangarda das políticas feministas e dos avances en dereitos e liberdades.
A militancia socialista de Arteixo expresa tamén o seu apoio ás mulleres vítimas de acoso, destacando a importancia de garantir procesos rigorosos, transparentes e centrados na súa protección, e reclama actuacións rápidas, contundentes e exemplares por parte das direccións do partido para evitar a impunidade e preservar a confianza da cidadanía.
O PSOE de Arteixo reitera, finalmente, a súa lealdade aos valores do socialismo e ao feminismo como eixo irrenunciable da súa acción política.
COMUNICADO DO PSdeG-PSOE DE ARTEIXO POLA SITUACIÓNS DE ACOSO E ABUSO CONTRA AS MULLERES NO SEO DO NOSO PARTIDO
A Agrupación local do PSdeG-PSOE de Arteixo reunida en asamblea quere expresar o seguinte:
Dende a agrupación socialista de Arteixo estamos ofendidos e avergoñados polas recentes informacións que apareceron nos medios de comunicación sobre supostos acosos e abusos sexuais dalgún dirixente do noso partido, pero tamén doutras anteriores de acoso e abuso de poder contra as mulleres que non tiveron ese eco mediático, nin foron respondidas debidamente pola dirección do PSdeG, como o despido sen motivación dunha traballadora embarazada do PSdeG ou o acoso sufrido por concelleiras dun grupo municipal do noso partido para apartalas das súas responsabilidades por ter unha liña orgánica diferente a dirección do grupo.
As/os socialistas somos defensores dunha sociedade libre, igualitaria e que ten como unha das súas bandeiras a defensa dos dereitos e liberdades das mulleres. As políticas do noso partido sempre foron a vangarda das reivindicacións feministas e a historia dos avances en dereitos e liberdades da muller neste país está escrita con tinta do noso partido, polo que dende Arteixo defendemos que ese debe de ser o camiño e que as mulleres deben sentir sempre a nosa organización ao seu carón.
A violencia sexual é unha das múltiples manifestacións da violencia contra as mulleres, o acoso sexual é un mecanismo social que durante séculos tratou de manter as relacións de poder historicamente desiguais para que as mulleres permaneceran nunha posición de subordinación en todos os ámbitos, tamén no político.
Por desgraza o noso partido non é alleo a esta situación e os feitos sucedidos coa anterior dirección do PSdeG e os coñecidos recentemente de acoso sexual con denuncias presentadas na canle interna habilitada polo PSOE contra cargos institucionais e orgánicos socialistas non caben dentro da nosa organización e deben de ser atallados con celeridade e tomar medidas drásticas para non seguir caendo no estupor e unha inevitable desafección cun partido que ten o feminismo no seu ADN.
É unha terrible noticia ver como a compañeira Silvia Fraga dimitía do seu cargo de Secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE despois de ter desenvolvido un bo traballo neste ámbito e dende aquí queremos mostrar o noso recoñecemento público e pedirlle unha seria reflexión aos dirixentes do PSdeG-PSOE pola falla dunha actuación rápida e contundente ante esta situación que tivo que vir despois da súa aparición nos medios de comunicación.
A militancia socialista de Arteixo quere expresar o seu apoio ás mulleres vítimas de calquera acoso e singularmente o acoso sexual que denunciaron estas mulleres, sabendo que denunciar estas condutas é un acto de valentía que debe contar sempre co respaldo colectivo e institucional. É imprescindible a transparencia na resolución destas denuncias con procesos rigorosos e centrados sempre na protección das vítimas e ante calquera denuncia de feitos que poidan vulnerar a dignidade ou a integridade das mulleres, a resposta debe ser rápida, clara e contundente, baseada na exemplaridade e na responsabilidade, especialmente por parte de quen ocupa cargos orgánicos.
Desde a lealdade ao partido e aos seus principios, e poñendo en valor que o noso partido teña estas canles de denuncia que outros partidos non utilizan e agora sacan peito como se este tema non fose con eles, defendemos a petición de que se esclarezan os feitos, se protexa ás vítimas e se preserve a integridade das institucións. Só unha actuación firme, transparente e coherente permitirá manter a confianza da cidadanía e demostrar que non hai espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia contra as mulleres.

