Os socialistas de Arteixo denuncian que o goberno do PP segue metendo nun caixón as ordenanzas de ruído e terrazas
Os socialistas de Arteixo denuncian que o goberno do PP segue metendo nun caixón as ordenanzas de ruído e terrazas
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no último pleno un rogo para esixir ao goberno local do Partido Popular que deixe de atrasar indefinidamente a aprobación das ordenanzas municipais de ruído e de terrazas, dúas normas básicas para garantir o descanso da veciñanza e a seguridade xurídica da actividade económica no concello.
Dende o PSOE, o seu portavoz, Martín Seco, lembra que nos últimos cinco anos o PP levou en dúas ocasións propostas de ordenanza para regular a instalación e os horarios das terrazas, que foron anunciadas publicamente pero acabaron esquecidas sen chegar nunca ao pleno para a súa aprobación definitiva. Unha situación semellante repítese coa ordenanza de ruído, cuxa tramitación foi anunciada polo propio concelleiro de Urbanismo, comprometéndose a levala ao pleno antes de rematar o mes de novembro “e no último pleno dixo que viría seguro ao de decembro, un compromiso que finalmente non se cumpriu segundo as orde do día da Comisión de Asuntos do Pleno deste mes” denuncia Seco.
Os socialistas advirten de que a ausencia destas ordenanzas está a xerar conflitos continuos de convivencia, ao non existir regras claras que compatibilicen o dereito ao descanso da veciñanza co desenvolvemento normal da actividade hostaleira e comercial. “Sen normas claras sobre horarios, ocupación do espazo público e niveis de ruído, créase unha inseguridade permanente tanto para a cidadanía como para os profesionais do sector”, sinalan.
Ao xuízo do Grupo Municipal Socialista, o goberno local “evita afrontar este debate por medo ao custo político, preferindo non incomodar a ninguén, aínda que iso supoña manter un problema que afecta directamente á convivencia diaria en Arteixo”.
Por todo isto, o PSOE de Arteixo solicitou formalmente ao goberno municipal que presente de inmediato para a súa aprobación inicial as ordenanzas de terrazas e de ruído, cumprindo cos compromisos adquiridos e dotando ao concello dun marco normativo claro, equilibrado e xusto.
“Regular non é prohibir, é ordenar e garantir convivencia”, conclúe Martín Seco, e dende o grupo socialista reclaman “responsabilidade, diálogo e vontade política para poñer fin a anos de anuncios sen feitos”.
Ante este rogo o concelleiro volveu ao anunciar que as ordenanza de ruído viría ao pleno de Decembro, pero volve a incumprir

