O PSOE de Arteixo denuncia que o PP deixa morrer o programa de murais urbanos aprobado hai catro anos
Os socialistas preguntan por que non se executou nin un só euro da partida de 2025 e se o goberno local pensa renunciar definitivamente á arte urbana no concello
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo formulou no último pleno unha serie de preguntas ao goberno local ante a parálise absoluta do Programa de Murais Urbanos, unha iniciativa presentada polo PSOE en 2021, aprobada por unanimidade da corporación e que, catro anos despois, continúa sen desenvolverse.
O portavoz socialista no concello, Martín Seco, explica que “a proposta socialista nacía co obxectivo de mellorar a paisaxe urbana, dignificar medianeiras e muros degradados e apostar pola arte e a creatividade”, seguindo o exemplo doutros concellos galegos como Lugo, Carballo ou Fene. O plan contemplaba a elaboración de bases claras, a cesión voluntaria de espazos por parte de propietarios e a súa posta ao dispor de artistas interesados en participar.
Porén, segundo denuncia o PSOE, o goberno do PP “limitouse a encargar un único mural no muro da piscina municipal de Meicende”, deixando sen executar o resto do programa e “sen gastar a partida consignada nos orzamentos de 2025 para este fin”.
Seco lembra que en abril deste ano unha xove artista de Arteixo presentou unha proposta concreta con varios emprazamentos e mostrou a súa total disposición a colaborar cun mural que achegase valor visual á vila. “Desde o PSOE puxemos en contacto á artista co goberno local, pero sete meses despois non houbo resposta nin actuación algunha”, explica o portavoz do grupo municipal socialista.
A situación resulta especialmente grave, sinalan, porque remata o exercicio orzamentario de 2025 sen que se executase a iniciativa e sen que exista información clara sobre se o PP manterá ou non esta aposta cultural nos orzamentos de 2026.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista preguntou no pleno por que se deixou sen executar un ano máis a partida destinada aos murais urbanos e cales foron os motivos para non aceptar as propostas presentadas por unha veciña do concello, así como se o goberno local prevé manter unha partida específica para este programa nos orzamentos de 2026 ou se renuncia definitivamente a desenvolver esta iniciativa aprobada polo pleno.
“O PP volve demostrar que aproba iniciativas para logo deixalas esquecidas nun caixón”, conclúe Seco que reclama “vontade política, cumprimento dos acordos plenarios e unha aposta real pola cultura e pola arte urbana en Arteixo”.

