Arteixo recibe unha bandeira negra por contaminación mentres presume de bandeiras azuis

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo advirte das contradicións entre as bandeiras azuis e a realidade ambiental das praias do concello, tal como manifesta o informe anual de Ecoloxistas en Acción que sinala a Praia Grande e o Porto de Suevos polas verteduras fecais e a falla de saneamento.

Fonte: Ecoloxistas en Acción

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo mostra a súa preocupación polas contradicións entre os recoñecementos simbólicos como as bandeiras azuis e a situación ambiental real das praias do municipio. O informe anual de Ecoloxistas en Acción, unha das organizacións ecoloxistas máis relevantes do Estado, vén de outorgar a bandeira negra por contaminación á Praia Grande e ao Porto de Suevos polas continuas vertiderteduras fecais, a falla de saneamento nas vivendas e os olores xerados pola empresa SARVAL.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Martín Seco, sinala que “mentres isto acontece, a praia de Suevos foi galardoada cunha nova bandeira azul”, un distintivo que, segundo denuncia o grupo socialista, “responde máis a intereses publicitarios que á realidade ambiental e de servizos destes espazos naturais”. Os socialistas engaden que, ademais da contaminación, “son evidentes as carencias en accesibilidade e dotación de servizos que calquera visitante pode comprobar”.

O grupo socialista lembra que estes problemas non son illados. Verteduras recorrentes afectan tamén ao río Bolaños e á praia de Sabón, así como a Barrañán. Ademais, moitos areais sofren un deterioro físico progresivo dende a construción do porto exterior, sen plans rexenerativos efectivos nin investimentos por parte da autoridade portuaria. “Praias como A Hucha, Reiro ou Area Grande están prácticamente abandonadas, mentres outras como Valcovo ou A Salsa perden area e acumulan pedras sen solucións reais”, afirman.

Martín Seco tamén reclama avanzar cara un sistema de avaliación real e rigoroso como un certificado de calidade baixo normas UNE con criterios normativos como limpeza, seguridade ou salvamento, fronte á opacidade e escaso control das bandeiras azuis.

En canto ao futuro do Porto de Suevos, desde o grupo socialista insisten na súa situación crítica: sen legalización efectiva desde 2014, sen servizos básicos como o saneamento e con ameazas industriais próximas ao núcleo residencial. “Hai proxectos que mesmo o alcalde cualifica de bomba de reloxería, pero a veciñanza continúa sen información nin garantías”, denuncia Seco.

 

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia anomalías na contratación do servizo de socorrismo para o verán 2025