Os socialistas de Arteixo piden acondicionar os novos aparcadoiros públicos de Sinforiano López e Travesía da Avenida de Fisterra

Os socialistas de Arteixo piden acondicionar os novos aparcadoiros públicos de Sinforiano López e Travesía da Avenida de Fisterra

Fonte: Concello de Arteixo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo vén de presentar un rogo no último pleno municipal co obxectivo de que o goberno local actúe con urxencia para mellorar o estado das novas zonas de aparcadoiro público situadas nas rúas Sinforiano López e Travesía da Avenida de Fisterra.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que no pleno de decembro de 2023, “o noso grupo xa alertara da situación de abandono e falta de seguridade que presentaba o ámbito entre Sinforiano López e Guerra da Independencia, con vehículos aparcados nun solar sen as condicións axeitadas”. Naquel momento, os socialistas preguntaron en pleno pola posibilidade de cesión das parcelas para uso público, pero a resposta do concelleiro de Urbanismo foi que “esa non era a solución”.

“Un ano e medio despois desa resposta observamos como o propio Concello anuncia nas súas redes sociais a cesión de dúas parcelas para este fin”, sinala con sorpresa Seco e explica que “as fincas foron desbrozadas, mais seguen sen acondicionar” polo que o acceso continúa sendo deficiente e “a zona está exposta á acumulación de terra e lodo”.

Por este motivo, o Grupo Socialista insiste na necesidade de que o goberno local leve a cabo as actuacións necesarias para converter estas parcelas en espazos seguros, accesibles e axeitados para o uso público, garantindo condicións mínimas de seguridade e salubridade para os veciños e veciñas que fan uso delas a diario.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo denuncia o incumprimento polo goberno local do PP da moción aprobada para solucionar as inundacións en Santaia de Arriba

Siguiente
Siguiente

Arteixo recibe unha bandeira negra por contaminación mentres presume de bandeiras azuis