O PSOE de Arteixo denuncia anomalías na contratación do servizo de socorrismo para o verán 2025
Os socialistas solicitaron explicacións polas puntuacións técnicas cuestionables, a falta de control na solvencia dunha empresa que acumula múltiples contratos co concello e posibles incumprimentos na xestión da empresa concesionaria
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo ven de analizar o procedemento de contratación do servizo de socorrismo para os areais do municipio este verán 2025 no que se detectan unha serie de irregularidades que deben ser aclaradas polo Goberno local do PP.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, explica que no proceso de licitación participaron catro empresas: FORGESER, TOP RESCUE, ESPROADE e AXIÑA e sinala que “resulta cando menos sorprendente que fosen excluídas na fase técnica dúas empresas con ampla experiencia no sector”, como son TOP RESCUE, que traballa en concellos como A Coruña ou A Laracha. Pola contra, a empresa AXIÑA obtivo a máxima puntuación técnica sen que conste experiencia previa en servizos de socorrismo, “algo que esperta serias dúbidas”.
Ademais, o portavoz socialista expón que a empresa ESPROADE, cunha oferta económica máis vantaxosa, non puido impoñerse pola valoración técnica, que outorgou a AXIÑA o 100% da puntuación. “Foi a propia ESPROADE quen tivo que solicitar acceso á documentación de AXIÑA, detectando que esta última non cumpría os requisitos de solvencia técnica, algo que non advertiu inicialmente o servizo de contratación municipal” explica Seco. Tras esa revisión, o Concello acabou adxudicando finalmente o contrato a ESPROADE.
Dende o Grupo Socialista tamén alertan sobre posibles deficiencias no servizo actual de salvamento e vixiancia, relacionadas coa falla de material e a xestión do persoal que debera inspeccionar o concello. Para Seco “tamén resulta chamativo o elevado número de contratos que AXIÑA xestiona no Concello, gañando sistemáticamente todos os procesos aos que se presenta, sexa pola súa valoración técnica, incluso cando non presenta a mellor oferta económica”, tamén ten a xestión da piscina de Meicende e “todo semella que lle preparan a da piscina de Arteixo” para a cal o Concello realizará unha inversión de case 1 millón de euros antes de sacala a concurso, cambiando o modelo anterior no que a empresa xestora debía asumir ese custe.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista de Arteixo solicitou explicacións no pleno ao Goberno local sobre como se xustifica que empresas con experiencia foran excluídas e AXIÑA obtivera a máxima puntuación técnica sen que conste experiencia no servizo, e por que non se detectou a falta de solvencia técnica de AXIÑA ata a solicitude de acceso feita por outra empresa.
O Grupo Socialista seguirá fiscalizando a acción do Goberno local e defenderá sempre a transparencia, a competencia xusta e a mellor calidade dos servizos públicos para a veciñanza de Arteixo.