O goberno de Arteixo incumpre o seu compromiso de presentar a ordenanza de ruídos á oposición
Os socialistas insisten ao goberno local que saque do caixón o regulamento e denuncian a paralización dunha norma clave para garantir o descanso da veciñanza e a convivencia nos barrios
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu insistir no pleno de xaneiro na paralización da aprobación da nova Ordenanza de Ruídos do Concello, unha norma que consideran imprescindible para protexer á veciñanza fronte ás actividades molestas e garantir o dereito ao descanso e á seguridade no desenvolvemento da actividade laboral e denuncian que o goberno local volveu mentir nese pleno cando afirmaron que presentarían e a ordenanza de ruídos aos grupos municipais na xunta de portavoces celebrada hoxe.
Desde setembro de 2024, o PSOE de Arteixo vén presentando de maneira reiterada iniciativas e preguntas para que o goberno local actúe ante a situación de indefensión que sofren moitos veciños e veciñas polas molestias acústicas nas súas vivendas. Segundo lembra o portavoz socialista, Martín Seco, o concelleiro de Urbanismo asegurou que, unha vez rematado o período de consulta pública, a ordenanza sería levada a aprobación inicial ao pleno “como moi tarde no mes de novembro de 2025”.
Porén, pasado ese prazo, o goberno local non trasladou ningún borrador aos grupos políticos nin informou do estado da tramitación, incumprindo o compromiso adquirido de permitir o estudo previo e a presentación de achegas por parte da oposición. Para o Grupo Socialista, esta falta de información e de avances evidencia unha preocupante falta de vontade política para abordar un problema que afecta directamente á calidade de vida da cidadanía.
Os socialistas advirten de que a ausencia dunha ordenanza clara deixa á veciñanza sen ferramentas efectivas para defenderse fronte ás actividades ruidosas e xera inseguridade xurídica tanto para residentes como para traballadores e empresarios. Ademais, temen que esta norma corra a mesma sorte que a prometida ordenanza de terrazas, “anunciada hai máis de cinco anos e que nunca chegou a materializarse”.
A esta situación súmase un novo incumprimento. No propio pleno de xaneiro, o alcalde comprometeuse co Grupo Municipal Socialista a levar o asunto da ordenanza de ruídos á Xunta de Portavoces celebrada hoxe. Porén, finalmente este punto non foi incluído na orde do día, confirmando que a ordenanza segue “metida nun caixón” e que o compromiso adquirido foi, unha vez máis, “papel mollado”.
Por todo iso, o PSOE de Arteixo demanda saber cal é o motivo real polo que a ordenanza de ruídos non foi presentada no prazo anunciado e cal é a nova previsión do goberno local para a súa aprobación. “O descanso da veciñanza non pode seguir esperando mentres o goberno garda nun caixón unha norma esencial para a convivencia”, conclúe Martín Seco.

