O PSOE de Arteixo esixe solucións urxentes ante dúas edificacións en Borroa e o problema de accesibilidade e insalubridade que producen

Os socialistas preguntaron polo estado da denuncia presentada polo seu grupo en 2025 e alertan do perigo para vehículos de emerxencia e para a seguridade da veciñanza

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno unha batería de preguntas sobre a situación da denuncia presentada en setembro de 2025 relativa a dúas edificacións no núcleo de Borroa que, segundo advirten, supoñen un grave problema de seguridade, accesibilidade e salubridade.

A primeira das vivendas denunciadas atópase abandonada desde hai anos e provoca un “tapón” que impide o paso de vehículos de medio tamaño, como o camión da recollida do lixo, un vehículo pequeno de bombeiros ou mesmo unha ambulancia. O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que esta circunstancia xa xerou graves dificultades durante un incendio rexistrado no núcleo tempo atrás.

Tamén indican que unha segunda edificación presenta un estado ruinoso, “co tellado afundido, sen fiestras e cunha evidente acumulación de lixo, maleza, roedores e insectos”. Esta situación, segundo o PSOE, non só compromete a estabilidade estrutural do inmoble e supón un risco real de derrube sobre o camiño municipal, senón que tamén está a provocar problemas de insalubridade entre a veciñanza.

Na denuncia rexistrada en setembro de 2025, o Grupo Socialista solicitaba o inicio dun proceso de expropiación da primeira edificación para ampliar o camiño por razóns de interese público e facilitar o acceso de vehículos de emerxencia, así como a apertura dun expediente de declaración de estado ruinoso da segunda construción polos evidentes riscos que presenta.

Segundo sinalan os socialistas, os propietarios de ambas edificacións estarían dispostos á cesión ou expropiación, e o propio alcalde tería manifestado en conversas co grupo que se iniciaría o proceso para eliminar o “tapón” existente.

Aínda que no pleno, ante as denuncias socialistas,  o alcalde contestou que negociaría cos propietarios a demolición de ambas edificacións Martín Seco conclúe dicindo que “dende o PSOE de Arteixo pedimos a mesma celeridade que tiveron actuacións similares, xa que falamos de seguridade, de acceso a servizos de emerxencia e de salubridade pública; non se pode seguir demorando unha solución que afecta directamente á veciñanza de Borroa”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe transparencia sobre os proxectos industriais previstos no porto exterior de Langosteira