O PSOE de Arteixo propón un plan de choque urxente para frear o deterioro das estradas municipais
Os socialistas levan ao pleno de febreiro medidas para avaliar, reparar e priorizar as vías máis deterioradas, xunto cunha moción polo 8-M en defensa da igualdade
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno deste mes de febreiro dúas mocións centradas en cuestións que preocupan de maneira directa á veciñanza: a seguridade nas estradas municipais e a defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que é preciso a posta en marcha dun plan de choque urxente sobre o estado das estradas do concello, tras meses de abandono, falta de mantemento e un notable empeoramento do firme provocado polas choivas.
O PSOE denuncia a proliferación de “fochancas, afundimentos, problemas de drenaxe e unha perda xeneralizada de seguridade viaria”, especialmente nos camiños rurais e nas vías secundarias máis utilizadas pola poboación.
A proposta socialista recolle a necesidade de realizar “unha avaliación técnica integral de toda a rede viaria municipal”, con informes detallados do estado de cada tramo, para establecer criterios obxectivos de prioridade en función do risco, do volume de tráfico e do acceso a servizos básicos, e aprobar un plan de actuación con calendario, dotación económica suficiente e mecanismos de seguimento público.
Ademais, os socialistas reclaman unha maior coordinación con outras administracións para actuar nas vías da súa competencia e evitar situacións de abandono prolongado.
Desde o Grupo Municipal Socialista, Martín Seco advirte de que “o mal estado das estradas non é un problema puntual, senón a consecuencia dunha falta de planificación e dunha ausencia de investimento sostido no mantemento, o que acaba xerando riscos para a seguridade, danos nos vehículos e un empeoramento da calidade de vida da veciñanza”.
Moción do 8-M
Xunto a esta iniciativa, o PSOE de Arteixo tamén presentará unha moción con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, para reafirmar o compromiso institucional coa igualdade real entre mulleres e homes e alertar dos retrocesos e discursos negacionistas que poñen en cuestión avances fundamentais en dereitos.
A moción do 8-M aposta por reforzar as políticas municipais de igualdade, a educación en valores desde idades temperás, a loita contra a violencia machista e a necesidade de actuar tamén fronte ás novas formas de discriminación, especialmente no ámbito dixital e nas redes sociais.
Desde o Grupo Municipal Socialista salientan que ambas iniciativas responden a necesidades actuais do concello: servizos públicos básicos ben xestionados, seguridade para a veciñanza e un compromiso firme cos dereitos e coa igualdade, fronte á inacción e á falta de prioridades do goberno local.

