O Grupo Socialista de Arteixo esixe actuacións urxentes no barrio de Baer ante o abandono das súas infraestruturas e a inacción do goberno local

Un veciño leva desde 2017 denunciando a instalación irregular de postes de telefonía nun camiño público sen obter resposta do Concello

No pleno ordinario do mes de xuño, o Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou un novo rogo para reclamar actuacións inmediatas no barrio de Baer, logo de que no mes de xaneiro de 2025 xa rexistrara unha petición formal alertando sobre o mal estado dos camiños da zona, a ausencia de seguridade viaria, a falla de mobiliario público e a desorganización dos tendidos das empresas de servizos.

O portavoz socialista, Martín Seco, asegura que desde entón, o goberno local vén aprobando modificacións de crédito para novas inversións, pero “ningunha delas contempla melloras para este barrio, que segue sufrindo un abandono evidente por parte do executivo”.

Según os socialistas, a situación agravouse nas últimas semanas ao coñecerse que no camiño público CM-00395 —inventariado polo propio Concello no ano 2014— se instalaron postes de telefonía fóra das distancias regulamentarias, incumprindo o ancho da vía, recollido no devandito inventario.

Seco afirma que un veciño da zona leva reclamando desde 2017 que se respecte a legalidade e se retiren os postes para colocalos correctamente, presentando varios escritos ante o Concello “sen que estes foran respondidos nin se tomaran medidas para corrixir a instalación”.

Ademais, o concelleiro socialista engade que as obras de mellora realizadas neste camiño non incluíron sistemas de drenaxe nin evacuación de augas, o que provocou que o firme estea deteriorado polas frecuentes chuvias.

Ante esta situación, o Grupo Socialista volveu a reclamar ao pleno que se planifiquen actuacións urxentes no barrio de Baer para mellorar os servizos, camiños e infraestruturas, que se acondicione correctamente o camiño CM-00395, respectando as distancias establecidas no inventario municipal e que se responda con carácter inmediato á denuncia presentada polo veciño afectado, que leva 8 anos sen resposta oficial por parte do Concello.

“O barrio de Baer non pode seguir sendo o gran esquecido das políticas municipais. A veciñanza merece servizos dignos, seguridade e respecto polos seus dereitos”, conclúen Martín Seco.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia o incumprimento polo goberno local do PP da moción aprobada para solucionar as inundacións en Santaia de Arriba