Os socialistas de Arteixo denuncian a sanción grave a SUMARTE pola xestión laboral e a falta de diálogo do goberno local cos traballadores dos servizos públicos

Os socialistas de Arteixo denuncian a sanción grave a SUMARTE pola xestión laboral e a falta de diálogo do goberno local cos traballadores dos servizos públicos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu levar ao pleno de xuño unha pregunta sobre a grave situación laboral do persoal da empresa pública SUMARTE, tras coñecer o informe emitido pola Inspección de Traballo, no que se recoñece que a maioría dos traballadores do servizo de augas superaron os límites legais de horas extraordinarias nos anos 2023 e 2024.

O portavoz socialista no concello, Martín Seco explica que a resolución inicia un proceso sancionador por infracción grave, “que deberá asumir a empresa pública, e en última instancia, os cidadáns e cidadás de Arteixo”.

No mes de outubro de 2024, o Grupo Socialista xa advertira en pleno desta situación, tras unha denuncia do propio persoal da empresa sobre o exceso de xornada anual e a falta de vontade negociadora por parte da dirección de SUMARTE e do goberno municipal. A resposta do executivo nese momento, lembra Seco, foi negar calquera problema no servizo e “criticar ao noso grupo por poñelo en evidencia, nun intento de tapar a súa falta de responsabilidade e diálogo”.

Os socialistas insisten en que desde xullo de 2024, o goberno local tivo tempo para sentarse a negociar un novo modelo de organización laboral, pero “segue sen dar pasos, mentres acumula sancións e deteriora as condicións de traballo” dun servizo esencial como o abastecemento e saneamento de auga.

Ademais, Martín Seco sinala que esta situación non é illada porque os traballadores do servizo de recollida de lixo, dependentes do Concello, “seguen sen solución aos seus problemas laborais, mentres os responsables políticos nin os escoitan nin se sentan a negociar”  e o persoal de SUMARTE asignado á limpeza viaria, pola súa banda, vese obrigado a asumir tarefas da recollida de residuos sen reforzos, deixando o seu servizo en precario.

“Arteixo ten capacidade económica para ter servizos públicos dignos, pero o que falla é a xestión e a vontade de diálogo do goberno local” denuncia Seco. “Non se pode gobernar tratando aos traballadores como inimigos nin ignorando as resolucións da inspección laboral”,

Desde o Grupo Municipal Socialista esixen “transparencia, diálogo e responsabilidade” na xestión dos servizos públicos e no trato ao seu persoal. 

Siguiente
Siguiente

O Grupo Socialista de Arteixo esixe actuacións urxentes no barrio de Baer ante o abandono das súas infraestruturas e a inacción do goberno local