O PSdeG-PSOE alerta dun novo capítulo da involución democrática en Arteixo na aprobación definitiva dos Orzamentos de 2026
Nunha nova demostración de opacidade democrática, o goberno local entregou a resposta ás alegacións sete minutos despois do horario de inicio da comisión que debía debatelas.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia unha nova mostra de “opacidade e autoritarismo” do goberno local do PP ao entregar onte ás 9.37 h. a documentación coa resposta ás alegacións presentadas aos Orzamentos de 2026, cando a comisión encargada de analizalas, e onde se introduciu por urxencia a aprobación definitiva dos orzamentos, estaba convocada para as 9.30 horas e finalmente comezou apenas uns minutos despois, ás 9:45.
Para os socialistas, este feito “non é un erro puntual, senón unha práctica reiterada de ocultación e desprezo á labor da oposición”, que se suma ao xa denunciado envío da documentación orzamentaria -36 documentos e máis de 400 páxinas- con só tres días de antelación, facendo imposible un estudo rigoroso dun dos documentos máis importantes do mandato.
O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que “volven repetir ese comportamento antidemocrático dende a concellería de Economía, que coa incorporación de Emilio Maceiras semellaba que traería aire fresco, pero a realidade é que todo foi a peor, con alguén que non se ocupa máis que dos seus temas persoais”.
Seco alerta de que “o grupo de goberno nin da posibilidade á veciñanza e a corporación para participar nos orzamentos, nin respecta as labores de oposición democrática “ e cada ano de goberno que pasa “ sitúa ao Concello de Arteixo nunha perigosa involución democrática, exercendo o poder como se fose un emperador”.
IRREGULARIDADES NO PROCESO
Para os socialistas esta forma de proceder súmase a un proceso orzamentario cheo de irregularidades, tal e como recolle o propio informe de Intervención municipal, e que o goberno do Partido Popular tratou de despachar pola vía da urxencia.
Entre as alegacións presentadas polo PSdeG-PSOE figuran incumprimentos graves dos prazos legais, a remisión fóra de tempo do orzamento, a inclusión irregular das contas da empresa municipal SUMARTE sen aprobación previa da súa Xunta Xeral, así como deficiencias substanciais no control do gasto de persoal.
As alegacións tamén advirten de previsións de ingresos infladas e pouco realistas, como no caso do ICIO, onde historicamente non se acada nin o 60% do orzamentado, ou do uso indebido de ingresos finalistas. A isto súmase un incremento do 19% no gasto de persoal de SUMARTE sen a xustificación necesaria e a ausencia do preceptivo acordo de aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello, incumprindo a lexislación básica vixente.
O PSdeG-PSOE de Arteixo denuncia que o goberno municipal “confunde maioría absoluta con poder absoluto” e administra o Concello como se fose un espazo privado, sen rendición de contas nin respecto polas regras básicas do xogo democrático.

