O PSdeG-PSOE reclama unha reorientación urxente de SUMARTE para garantir servizos públicos de calidade en Arteixo
Os socialistas arteixáns denuncian falta de planificación, opacidade na xestión e precariedade organizativa na empresa pública municipal tras máis de tres anos de funcionamento
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levará ao pleno deste mes unha moción para esixir unha profunda revisión da estratexia e do funcionamento da empresa pública SUMARTE, creada co obxectivo de mellorar a xestión dos servizos municipais pero que, segundo denuncian os socialistas, “opera hoxe sen unha folla de ruta clara, cunha organización deficiente e sen os necesarios mecanismos de transparencia e control”.
O portavoz municipal socialista, Martín Seco, indica que foron “o primeiro grupo en defender a creación dunha empresa de capital 100% público como ferramenta para prestar servizos con maior eficacia, proximidade e calidade, priorizando o interese xeral fronte ao beneficio empresarial”, porén, advirte de que, desde a súa posta en marcha en 2022, “SUMARTE foi asumindo novos servizos —auga, limpeza viaria, bicicletas compartidas, actividades de agricultura ecolóxica e proximamente residuos orgánicos e proxectos enerxéticos— sen unha planificación empresarial definida nin unha estrutura organizativa sólida”.
Os socialistas alertan de “graves problemas de organización interna, ausencia dun organigrama claro, falta de representación laboral e decisións tomadas sen información nin participación real do consello de administración”, do que forma parte toda a corporación municipal. Esta situación, sinalan, está a provocar disfuncións na xestión do persoal, incumprimentos laborais e unha prestación de servizos que non amosa as melloras prometidas á cidadanía.
A moción tamén denuncia a contradición do goberno local, que mentres proclama a aposta polo público, estuda volver privatizar servizos estratéxicos como a recollida do lixo ou parte da xestión medioambiental, evidenciando ,segundo o PsdeG, unha incapacidade política para consolidar un modelo público eficaz.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista propón centrar os esforzos na consolidación dos servizos xa asignados a SUMARTE, mellorar a organización e as condicións laborais do seu persoal, garantir procesos de contratación transparentes e avanzar cara a unha xestión pública máis ambiciosa e eficiente, explorando a asunción de servizos clave como a recollida do lixo, o Servizo de Axuda no Fogar, as piscinas municipais ou mesmo a xestión tributaria, sempre co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos que recibe a veciñanza de Arteixo.
“SUMARTE non pode ser refén dos caprichos nin das loitas internas do goberno local. Cando se ignora aos traballadores, se lles nega representación, se ocultan os criterios de contratación e se desatenden as advertencias da Inspección de Traballo, o que se está a facer é poñer a propaganda por riba da calidade do servizo público”, denuncia o voceiro socialista Martín Seco, quen reclama “organización, transparencia e respecto aos dereitos laborais para que unha empresa pública funcione ao servizo da veciñanza e non dos intereses políticos do PP”.

