O PSOE de Arteixo propón un concurso de ideas para mellorar a imaxe dos accesos viarios ao municipio
A iniciativa busca dignificar e unificar as entradas ao concello con propostas de calidade técnica e urbanística en colaboración cos Colexios Oficiais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños de Galicia
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno de xullo unha moción para poñer en marcha un concurso de ideas en colaboración cos Colexios Oficiais de Arquitectos e Enxeñeiros de Camiños de Galicia, co obxectivo de mellorar a imaxe e funcionalidade dos principais accesos viarios ao concello.
Martín Seco, portavoz socialista en Arteixo, explica que esta proposta, “incluída no programa electoral socialista de 2023”, busca crear unha identidade visual recoñecible e atractiva para quen entra en Arteixo, apostando por solucións urbanísticas coidadas, modernas e acordes coa relevancia do municipio.
Entre os puntos sinalados destacan:
A entrada desde a A-6 e AG-55 pola rotonda de Sabón
Os accesos a Meicende desde a AC-415 e AC-552
A entrada ao núcleo de Arteixo desde Carballo pola AC-552
A rotonda da Avenida de Caión pola DP-514
“Falamos de espazos que, a día de hoxe, non reflicten nin a vitalidade nin a importancia económica e social de Arteixo. Cómpre unha intervención planificada que mellore a estética, a funcionalidade e a acollida que ofrece o noso municipio a visitantes e residentes”, sinala Seco.
A proposta inclúe a colaboración entre administracións, independentemente da titularidade das vías, xa que “a mellora redundaría no beneficio conxunto da imaxe de Arteixo como municipio dinámico, moderno e ben conectado”.
Por iso, o Grupo Socialista solicitará no pleno a posta en marcha dun concurso de ideas co apoio dos colexios profesionais e as administracións competentes, para dotar a Arteixo de accesos viarios máis coidados, recoñecibles e acordes co seu peso territorial.