O PSdeG-PSOE de Arteixo pide o apoio da corporación municipal á plantilla de JEVASO

Os socialistas arteixáns piden paralizar a posible venda das parcelas do campo de fútbol de Oseiro ata que a empresa cumpra cos seus compromisos laborais

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno do próximo xoves unha moción na que insta ao goberno local do PP a paralizar de inmediato o proceso de venda das parcelas municipais do campo de fútbol de Oseiro, previstas para o seu uso por parte da empresa JEVASO, mentres esta non cumpra coas condicións laborais pactadas co seu persoal no acordo de xullo de 2023.

O portavoz socialista, Martín Seco explica que Jevaso, unha das maiores empregadoras do polígono de Sabón, con máis de 700 contratos directos e preto de 200 a través de ETT, moitos deles de veciños e veciñas do concello, afronta nestes días mobilizacións e paros convocados polo seu persoal tras denunciar que a empresa está incumprindo o acordo laboral vixente, ao compensar de forma ilegal os incrementos salariais do novo convenio estatal coas cantidades pactadas por enriba do mesmo.

Segundo denuncia a representación social, esta decisión unilateral supón “recortes salariais encubertos, vulnera o acordo asinado e afecta a traballadores que percibiron nóminas inferiores aos 1.000 euros, a pesar de que a compañía obtivo máis de 4 millóns de euros en beneficios”.

Unha venda municipal que prexudica a Oseiro e premia a quen incumpre

Paralelamente, o goberno local anunciou a súa intención de vender as parcelas municipais nas que se sitúa o campo de fútbol de Oseiro, un espazo de uso público e clave para a vida social e deportiva da parroquia, para convertelas en solo industrial destinado, segundo toda a información dispoñible, á propia JEVASO.

Os socialistas consideran “inxustificable” que o Concello pretenda desmantelar unha infraestrutura pública sen ofrecer alternativa algunha á veciñanza e, ademais, para beneficiar a unha empresa que “non garante condicións laborais dignas ao seu persoal”.

“O mínimo esixible é que quen poida optar á compra dun terreo municipal o faga cumprindo escrupulosamente coas condicións laborais pactadas. Non se pode expulsar a Oseiro do seu campo de fútbol para premiar prácticas empresariais que están a ser denunciadas polos propios traballadores”, afirma Seco.

O PSdeG-PSOE solicita paralizar a venda das parcelas municipais do campo de fútbol de Oseiro destinadas a uso industrial e condicionar calquera operación urbanística con JEVASO ao cumprimento íntegro das condicións laborais recollidas no acordo de xullo de 2023, ao tempo que reclamano apoio institucional ao persoal da empresa, moitos deles veciños e veciñas de Arteixo, nun momento de conflito laboral e reivindicación de dereitos básicos.

Os socialistas lembran que “Arteixo non pode mirar para outro lado cando unha empresa de enorme dimensión vulnera un acordo laboral e precariza a centos de traballadores” e consideran imprescindible que o Concello actúe con responsabilidade e defensa do interese xeral.



Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia que os Orzamentos da Xunta esquecen de novo o concello e ignoran as súas necesidades básicas