O PSOE de Arteixo denuncia que o alcalde evita explicar a falta de apoio ás persoas con diversidade funcional

Os socialistas esixen transparencia e compromiso real co colectivo e critican que o goberno local non dea explicacións sobre a ausencia de apoio orzamentario á asociación IncluArt.

Coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia publicamente que o alcalde se negou a responder no último pleno ás preguntas formuladas polo PSdeG-PSOE sobre a colaboración do Concello coa asociación IncluArt, entidade recentemente creada para apoiar ás familias con membros con diversidade funcional.

Martín Seco, portavoz do Grupo Municipal Socialista, lembra que xa no mes de maio presentaron unha moción para reclamar un maior compromiso municipal, tanto en recursos como en planificación, para mellorar a atención ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias. Nela advertían que as iniciativas vixentes eran claramente insuficientes e defendían a necesidade de traballar da man de entidades como IncluArt, que representan de primeira man necesidades, carencias e prioridades dun colectivo que segue sen resposta institucional adecuada.

Seis meses despois, ningún avance e sen partida nos orzamentos

A pesar de que o goberno local criticou daquela que se mencionase á asociación, seis meses máis tarde descoñécemos as peticións que IncluArt trasladou ao Concello, non existe información sobre as reunións mantidas nin sobre compromisos adquiridos, e non aparece nin un só euro destinado a esta colaboración nos orzamentos municipais de 2026.

Ante esta falta total de transparencia, o Grupo Socialista formulou no pleno as seguintes preguntas ao alcalde:“Cales son as peticións que fixo a asociación IncluArt ao Concello de Arteixo, cales son as previsións de colaboración para 2026 e por que non existe ningunha dotación orzamentaria destinada a esta entidade?” A resposta do alcalde foi negarse a contestar, unha actitude que os socialistas consideran “incomprensible, insensible e impropia dun goberno que di apostar pola inclusión”.

Martín Seco lamenta que “no día máis simbólico para as persoas con discapacidade, o goberno local ten pouca credibilidade despois de agocharse e evitar explicacións sobre algo tan básico como é apoiar ás familias e garantir recursos”.

“Arteixo necesita menos fotos e máis políticas públicas reais. O silencio do alcalde non só é unha falta de respecto ao pleno, senón tamén ás familias que levan meses esperando respostas e compromiso”, insistiu Seco.

O PSdeG-PSOE reitera que seguirá esixindo transparencia, diálogo e recursos, e lembra que “un Concello que non atende a quen máis o necesita é un Concello que falla na súa esencia”.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo esixe cambios urxentes nas axudas ao comedor escolar para garantir que ningún neno quede sen unha comida digna

Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE de Arteixo pide o apoio da corporación municipal á plantilla de JEVASO