O PSdeG-PSOE de Arteixo impugna as novas bases das axudas a asociacións veciñais por "arbitrariedade, falta de igualdade e un procedemento infestado de irregularidades"
O voceiro socialista, Martín Seco, denuncia que o Goberno modificou o texto "de palabra" durante o Pleno, sen informes técnicos que avalasen os cambios.
O recurso pide que se volvan a redactar as bases coa baremación obxectiva que eliminaron, sen as restricións por parroquias e informes técnicos que as avalen .
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo formalizou un Recurso Potestativo de Reposición contra o acordo do pleno do pasado 28 de maio que aprobou as bases de subvencións para as asociacións veciñais tal e como anunciara no transcurso do debate plenario. Os socialistas consideran que o documento non só é inxusto e discriminatorio, senón que a súa aprobación vulnerou as garantías legais mínimas ao introducirse cambios verbais de última hora sen soporte documental.
O voceiro socialista, Martín Seco, foi rotundo: "Non podemos permitir que o diñeiro dos veciños se xestione coma se o Concello fose unha oficina particular do PP. Aprobaron unhas bases que permiten dar axudas 'a dedo' e, aínda por riba, o secretario do concello cambiou o texto das bases “de palabra” durante o debate, algo que é radicalmente nulo en dereito".
Catro motivos para a nulidade das bases
O recurso presentado polo PSdeG-PSOE fundaméntase en catro puntos críticos que demostran a "falta de rigor" do Goberno local. Por unha banda a modificacións "de palabra" no pleno, xa que durante a sesión, introducíronse cambios orais sobre que zonas quedaban excluídas das axudas. O PSdeG-PSOE denuncia que isto vulnera a seguridade xurídica, xa que se votou un texto que non estaba por escrito nin contaba cos informes técnicos e xurídicos obrigatorios.
Ademáis denuncian a eliminación do sistema de puntos. Según os socialistas, o Goberno local suprimiu a baremación numérica que existían en anos anteriores. Sen puntos obxectivos, a decisión de quen recibe a axuda queda en mans da "vontade" do político ao cargo, o que incumpre o artigo 14 da Lei de Subvencións de Galicia, que esixe criterios claros e obxectivos. O propio Secretario municipal advirte no seu informe que esta omisión xera unha "moi ampla discrecionalidade técnica" e recomenda acotala.
Por usar banda, a limitación de "unha asociación por parroquia”. O PSdeG-PSOE considera discriminatorio que se prohiba axudar a máis dunha entidade por parroquia. " Limitar a axuda a unha soa entidade por parroquia, coa discrecionalidade de que o goberno estableza en cal parroquia se dan máis e en cal non, é castigar o dinamismo dos nosos veciños e fomentar a división", sinala o voceiro socialista.
E por último sinalan o "caos" de Meicende e Pastoriza. As bases cometen un erro de vulto ao clasificar a Meicende como unha parroquia independente, cando é un núcleo que pertence á parroquia de Pastoriza. "Este erro demostra que as bases se cambiaron sen base legal e dun xeito sesgado. Se inventan unha parroquia, deixan no aire os dereitos do resto das posibles asociacións de Pastoriza, creando unha desigualdade inaceptable entre a veciñanza", explica Seco.
Defensa da transparencia
O recurso dos socialistas solicita a nulidade total das bases e que se redacten unhas novas que respecten a lei, inclúan un sistema de puntos xusto e eliminen a limitación por parroquias, e nese caso, o voceiro socialista afirma que “votarán a favor tal e como fixeron nos anos anteriores cunhas axudas que son necesarias para o noso tecido asociativo”.
"O propio Secretario do concello xa advertiu no seu informe de que estas bases daban demasiado poder discrecional ao goberno municipal. Aínda así, decidiron seguir adiante cun procedemento chafalleiro. Desde o PSdeG-PSOE seguiremos fiscalizando cada euro público para que as asociacións de Arteixo reciban o que lles corresponde polo seu traballo, e non pola súa docilidade política", concluíu Martín Seco.

