O PSOE esixe corrixir os defectos do aparcamento de Sinforiano López tras lograr a súa apertura
Os socialistas lembran que o PP copiou a súa proposta tras rexeitala en pleno, pero denuncian que o solar carece de iluminación e converte nunha "lameira" a entrada das vivendas da Avenida de Fisterra.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixiu ao goberno local do Partido Popular que acondicione o novo aparcamento público situado entre as rúas Sinforiano López e Guerra da Independencia.
A formación celebra que o Executivo asumise por fin esta dotación reclamada polos socialistas dende 2023, pero lamenta que a execución actual sexa "un perigo pola falta de luz e converter nunha lameira a entrada as vivendas da Avenida de Fisterra".
O voceiro socialista, Martín Seco, incide na contradición dun Goberno que presume de xestión nas redes sociais pero que na realidade entrega á veciñanza infraestruturas sen as condicións de seguridade e salubridade.
O voceiro socialista, Martín Seco, lembrou a "falta de visión" do concelleiro de Urbanismo, quen nun primeiro momento afirmou en sesión plenaria que a cesión destas parcelas non era a solución aos problemas de estacionamento da zona. "Tempo despois, o Concello tivo que rectificar e anunciar en redes sociais exactamente o que o PSOE levaba anos pedindo", sinala a formación.
Porén, dende o grupo municipal advirten que abrir o espazo non é suficiente se non se fai con dignidade. O PSOE xa advertira en xuño de 2025 da necesidade de planificar un bo aparcamento con seguridade e un bo acceso dende a avd Fisterra, unha petición que o PP meteu nun caixón.
Escuridade e lamazais na Avenida de Fisterra
O dossier fotográfico achegado polos socialistas no rexistro municipal evidencia as graves deficiencias que presenta o recinto na actualidade, “Resulta incomprensible que un aparcamento público se poña en marcha sen boa iluminación o que xera unha evidente sensación de inseguridade para os usuarios que deixan ou recollen os seus vehículos a certas horas do día” explica Seco, e sinala que o desnivel que conecta coa Avenida de Fisterra non foi adaptado, o que provoca que coas choivas a rúa se encha de terra e lama, afectando tamén á limpeza e á seguridade dos peóns. Ademáis, explica que non existe unha conexión peonil axeitada por ese punto que aproveite a beirarrúa existente para que os condutores poidan saír do aparcamento a pé pola avd fisterra
" O PP acabou dándonos a razón e habilitando estas parcelas como aparcamento tal e como pedimos dende 2023, pero debe corrixilas chapuzas. Non se pode ter aos veciños aparcando ás escuras e camiñando entre a lama. Esiximos que se remate a obra con criterios de seguridade e salubridade para a cidadanía", declara Martín Seco.

