O PSOE de Arteixo denuncia a deriva autoritaria do goberno local e esixe recuperar a calidade democrática no Concello

Os socialistas levarán ao pleno unha moción para garantir o dereito da oposición a participar, acceder á información e poñer fin ao uso partidista dos medios e fondos públicos

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presenta no pleno de decembro unha moción na que alerta do grave deterioro da calidade democrática no Concello baixo o goberno de Carlos Calvelo. Segundo denuncia o PSOE, lonxe de reforzar a participación e o diálogo trala pandemia, o executivo local optou por gobernar “de costas á oposición e á cidadanía”, cun modelo cada vez máis “opaco, clientelar e excluínte”.

O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, sinala que a oposición sofre unha falta sistemática de respecto institucional, que se manifesta en “prazos insuficientes para analizar expedientes clave como os orzamentos municipais, na eliminación dos plenos monográficos de debate, no atraso constante da documentación das comisións e nunha ausencia total de diálogo político”. Todo isto, engade, prodúcese mentres o goberno local conta co máximo número de dedicacións exclusivas e asesores permitidos pola lei, fronte a unha oposición que debe compatibilizar o seu labor representativo coa súa actividade profesional.

O PSOE de Arteixo denuncia tamén que os medios públicos municipais —web, redes sociais e canles de comunicación— son utilizados de maneira exclusiva polo Partido Popular como ferramentas de propaganda política, sen espazos nin mecanismos que permitan á oposición comunicarse coa veciñanza. A esta situación súmase, segundo os socialistas, a exclusión deliberada da oposición de actos institucionais, actividades municipais e encontros con entidades sociais, así como a inexistencia mesmo de ferramentas básicas como un correo corporativo para os concelleiros e concelleiras non gobernantes.

Especialmente grave consideran desde o grupo socialista o uso de fondos públicos para actos de marcado carácter partidista nas parroquias, con consumo de recursos municipais en pinchos, bebidas e discursos do PP, nunha dinámica que cualifican de “campaña electoral permanente pagada cos cartos de toda a veciñanza”.

Por todo isto, a moción socialista reclama a implantación de mecanismos reais que garantan a participación democrática da oposición, o acceso á información en tempo e forma, a igualdade de oportunidades no uso dos medios públicos, a inclusión de toda a corporación nos actos institucionais e o cesamento inmediato do uso partidista do Concello e do seu orzamento con fins electorais.

“Estamos abraiados coa simulación dunha campaña electoral que o grupo de goberno realiza este mes cos cartos de toda a cidadanía arteixá financiando pinchos e bebidas aos asistentes de actos en todas as parroquias, nalgunha ata por triplicado” denuncia Seco, “En Arteixo estase a normalizar unha forma de gobernar que despreza á oposición, oculta información e utiliza os recursos públicos como se fosen propiedade do Partido Popular, algo incompatible cun concello democrático e respectuoso coa cidadanía” remata Seco.



Siguiente
Siguiente

O PSdeG-PSOE reclama unha reorientación urxente de SUMARTE para garantir servizos públicos de calidade en Arteixo