O PSOE acusa ao goberno do PP de pretender aprobar unha ordenanza do taxi “de costas ao sector” e sen solucións aos problemas reais
Os socialistas presentan 13 alegacións para corrixir un texto que cualifican de “irresponsable” e denuncian a falta de diálogo coa oposición e cos profesionais.
Martín Seco: “É preciso abrir a negociación cos taxistas para dar unha solución real”
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou alegacións á nova ordenanza do servizo de taxi aprobada inicialmente polo goberno do PP, á que acusan de ser un texto “elaborado de costas ao sector e á oposición” e que non dá resposta aos principais problemas que sofre o servizo no municipio.
Segundo explicou o voceiro socialista, Martín Seco, a ordenanza “non da solucións reais a cuestións clave como a falta de taxis en horario nocturno e fins de semana, a situación das paradas ou as condicións económicas dos profesionais”. Neste sentido, critica que o goberno local, pese a contar con maioría absoluta, “non buscou o consenso nin co resto dos grupos nin cos propios taxistas”.
Desde o PSOE sinalan que as súas 13 alegacións teñen como obxectivo “corrixir as carencias dun documento que só da titulares de prensa”, incorporando medidas concretas para mellorar tanto o servizo á cidadanía como as condicións do sector. Entre elas, destacan a necesidade de establecer prazos máximos para a tramitación de licenzas, mellorar o estado e mantemento das paradas ou fomentar a incorporación de vehículos adaptados e menos contaminantes mediante liñas de axuda.
Un dos aspectos máis criticados polos socialistas é a ausencia de solucións reais para garantir o servizo de taxis nas noites e fins de semana, unha problemática recorrente en Arteixo. Fronte a isto, propoñen un sistema de gardas con compensacións económicas ou alternativas que aseguren a dispoñibilidade de vehículos nestes horarios.
Ademais, o grupo socialista cuestiona a intención do goberno de avanzar cara un modelo único de xestión do servizo mediante radiotaxi, advertindo de que podería vulnerar a liberdade de organización dos profesionais sen xustificación técnica suficiente.
Seco tamén puxo o foco na “nefasta xestión acumulada durante anos”, que, segundo afirma, derivou nun servizo con instalacións en mal estado, falta de apoio institucional ao sector e ausencia de planificación. “Agora presentan unha ordenanza que non resolve nada e que chega sen diálogo previo, como se fose suficiente con aprobar un texto para tapar anos de inacción”, sinalou.
Por todo iso, os socialistas instan ao goberno local a aproveitar o período de alegacións para “rectificar e abrir un proceso real de diálogo”, incorporando propostas que permitan construír unha ordenanza útil e consensuada. “O PP ten que decidir se quere seguir facendo normativa de cara á galería ou asumir a súa responsabilidade e garantir un servizo de taxi digno para a veciñanza e para os profesionais”, concluíu Seco.

