O PSOE cuestiona o gasto en viaxes do goberno municipal  de Arteixo e pide explicacións polo seu “uso pouco transparente”

Os socialistas critican que se financien desprazamentos sen xustificar funcións, plan de traballo e resultados mentres se abandonan políticas reais de cooperación

Imaxe publicada nas redes sociais do Concello de Arteixo

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno un rogo para esixir explicacións ao goberno local sobre as viaxes realizadas por concelleiros e concelleiras do executivo local, que consideran “un exemplo máis dunha política opaca e afastada das necesidades reais da cidadanía”.

O voceiro socialista, Martín Seco, sinala que o Concello forma parte dende fai moitos anos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao que aporta máis de 4.800 euros anuais, e defenden o papel desta entidade na loita contra as desigualdades e na promoción de proxectos internacionais. Porén, critican que o goberno local “renunciase a impulsar iniciativas propias de cooperación”, como a continuidade de proxectos de apoio á poboación saharaui.

Neste contexto, os socialistas cuestionan a utilidade e transparencia dalgúns desprazamentos recentes financiados con fondos públicos que “semellan vacaciones pagadas”. En concreto, fan referencia á viaxe a gastos pagados da concelleira de Servizos Sociais a Cabo Verde durante seis días para participar nun encontro internacional, do que “non se coñece nin a súa aportación nin os resultados obtidos para o municipio”.

Así mesmo, tamén critican que no pleno da Red Innpulso en Madrid—ao que asistiu o alcalde— o Concello asumise os gastos dunha segunda persoa do grupo de goberno, sen que se xustificase a necesidade deste acompañamento nin o seu papel no evento.

“O problema non é participar en foros ou encontros nacionais ou internacionais, senón facelo sen transparencia, sen rendición de contas e sen que se vexa un retorno claro para a veciñanza”, sinalan desde o grupo socialista, que consideran que esta forma de actuar “contrasta coa falta de implicación do goberno local en políticas reais de cooperación e acción social”.

Por todo iso, o PSOE reclamou no pleno que o executivo informe detalladamente das actividades de cooperación que está a desenvolver o Concello, así como da participación concreta nestes encontros e dos criterios seguidos para financiar estes desprazamentos.

Seco conclúe que “nun contexto de necesidades sociais crecentes, o goberno local debería priorizar políticas útiles e transparentes”, e insiste en  que non é aceptable “empregar recursos públicos en viaxes dos que non se dá explicación e semellan vacacións pagadas a costa dos arteixáns”.

Siguiente
Siguiente

O PSOE acusa ao goberno do PP de pretender aprobar unha ordenanza do taxi “de costas ao sector” e sen solucións aos problemas reais