O PSOE acusa ao PP de Arteixo de facer "greenwashing" con fondos europeos para a mobilidade mentres dá as costas ao transporte público
Os socialistas arteixáns denuncian que o Goberno local rexeitou negociar un consorcio de buses coa Coruña e que non creou "nin un só quilómetro" de carril bici en 15 anos.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo denuncia a política de mobilidade do Goberno do Partido Popular, cualificándoa de "burbulla estética e baleira de contido". A formación acusa ao alcalde, Carlos Calvelo, de utilizar a etiqueta de "sostible" unicamente como unha estratexia de "greenwashing" (ecobranqueo) para captar fondos europeos, mentres na realidade mantén o municipio nunha parálise total en materia de infraestruturas verdes e mobilidade peonil.
O voceiro socialista , Martín Seco, censura que o PP presuma de medidas illadas nos medios de comunicación mentres dá as costas ás grandes reformas estruturais que necesita a veciñanza.
O "non" ao consorcio de buses coa Coruña
Un dos puntos máis críticos denunciados polo PSOE é a negativa do Goberno de Arteixo a aceptar a invitación do Concello da Coruña para negociar un consorcio de transporte unificado. "É unha irresponsabilidade manifesta", apuntan as filas socialistas, subliñando que este acordo permitiría viaxar entre ambos municipios sen necesidade de transbordos, mellorando radicalmente o día a día de miles de usuarios.
Quince anos sen carrís bici nin ordenanza para patíns
Os socialistas enumeran o que consideran "grandes mentiras" da xestión do PP en Arteixo:
Cero quilómetros ciclistas: O PSOE denuncia que o PP non planificou nin executou nin un só quilómetro de carril bici en 15 anos de maiorías absolutas. Vías arteriais de nova execución ou reforma —como a Avenida de Fisterra, Sabón, a Travesía de Arteixo, Platas Varela, a Avenida de Carballo ou os eixes de Oseiro, Pastoriza e Meicende— foron deseñadas ignorando por completo a bicicleta.
Limbo legal para patíns eléctricos: Os socialistas lamentan que o Concello redactase unha nova ordenanza de taxis de costas ao sector en lugar de afrontar unha Ordenanza de Mobilidade Integral que regule de urxencia o tránsito de bicicletas e patíns eléctricos, que hoxe circulan sen saber en que condicións nin por onde deben facelo.
Obras estéticas: Critican que actuacións como a do Paseo do Balneario son "puros parches estéticos" que non limitan a presenza de coches nin apostan de verdade polo viandante.
Sen puntos de recarga eléctrica: Malia as reiteradas promesas do Goberno local, Arteixo segue sen contar con puntos públicos de acceso para cargar vehículos eléctricos.
"O PP confunde a mobilidade sostible con facerse fotos. Gastan os cartos de Europa en obras que non mudan nada e prefiren manter o transporte illado da Coruña por puro sectarismo político. Arteixo necesita deseñar espazos para a comodidade do viandante e unha aposta real por alternativas limpas, non un urbanismo dos anos 90 adornado con propaganda verde", manifesta Martín Seco
Demandas do Grupo Socialista
A formación insta ao Goberno local a abandonar a improvisación e poñer en marcha un plan real que inclúa consorciar o servizo de transporte público co Concello da Coruña para eliminar os transbordos; redactar de inmediato unha Ordenanza de Mobilidade que regule os patíns eléctricos e ciclistas, planificar e executar carrís bici e zonas peonís reais nas principais travesías do concello e instalar a rede de puntos de recarga eléctrica para vehículos que levan anos prometendo.

