O PSOE denuncia o "caos" de Arteixo coas bolsas escolares: o goberno local aproba as do comedor cando o curso xa remata
Os socialistas esixen unha reforma urxente do sistema de bolsas educativas tras destapar que o Concello aínda publicou en abril as axudas do ano pasado, conxelando as contas de ANPAS e familias.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará no pleno ordinario deste xoves unha moción para esixir un cambio radical no modelo de xestión das bolsas educativas do municipio. A formación cualifica de "auténtico despropósito e mostra de incapacidade política" que o Goberno local do PP publique as axudas de comedores, libros e transporte cando o curso escolar está a piques de expirar, obrigando ás familias a adiantar uns cartos que moitas non teñen.
O voceiro socialista, Martín Seco, censura que, mentres concellos da contorna como A Coruña ou Vigo resolven as concesións antes de que os alumnos empecen as clases en setembro, o executivo de Carlos Calvelo vaia “cun ano de atraso sistemático”.
Bolsas de 2024 pagadas a mediados de 2026
O PSOE debulla unha cronoloxía administrativa que consideran "insostible" para a conciliación e a economía familiar. Por un lado, un ano de atraso: O Concello de Arteixo publicou o pasado 21 de abril de 2026 a listaxe definitiva de adxudicatarios...pero do curso pasado (2024/2025). Por outra banda, convocatorias fóra de prazo: As bases para o curso actual (2025/2026), que remata en apenas un mes, non se convocaron ata febreiro deste ano.
Todo isto xenera incertidume nas familias. Moitos pais e nais vense na obriga de renunciar ao comedor escolar ao non saber se recibirán a axuda, ao carecer de capacidade económica para financiar o servizo por adiantado.
As ANPAS, ao límite e coas devolucións conxeladas
A gravidade da situación traspasou afecta de cheo á xestión dos centros públicos. O Grupo Socialista alerta de que as ANPAS están a emitir circulares de urxencia ás familias ante a falta de información do concello.
Unha das asociacións do municipio comunicou esta mesma semana o "bloqueo" que sofren polo atraso da aprobación definitiva das bolsas comedor ata xuño e que polo tanto, non se poden abonar os importes ás familias ata que o Concello publique a listaxe oficial. “Este atraso bloquea a contabilidade desee ano e complica a planificación do próximo curso", denuncia a circular dunha ANPA afectada, que lembra que levan reclamando información dende xaneiro sen éxito.
Para o PSOE, a responsabilidade é unicamente da "parálise" do Partido Popular. "Non é un problema de cartos, é unha falla absoluta de capacidade de xestión que están a pagar os rapaces de Arteixo", sinalou o voceiro socialista.
Proposta de idiomas no estranxeiro
A moción que se debaterá este xoves non só esixe ordenar o calendario administrativo, senón que tamén propón ampliar as miras educativas do concello coa creación dunha nova liña de axudas en concorrencia competitiva para viaxes de estudos e aprendizaxe de idiomas no estranxeiro, seguindo o modelo de éxito que xa aplican Vigo (para as Escolas Oficiais de Idiomas) ou A Coruña (para estudantes de Bacharelato).

