O PSOE acusa ao PP de Arteixo de usar o "taxi comarcal" como cortina de fume para tapar o seu fracaso co sector
Os socialistas denuncian que o alcalde paraliza a ordenanza municipal tras dous meses ignorando as alegacións e esixen aclarar a proposta da Xunta.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo esixiu claridade e transparencia ao Goberno do Partido Popular en relación ao futuro do servizo de taxis no municipio. A formación acusa ao alcalde, Carlos Calvelo, de utilizar os recentes anuncios da Xunta de Galicia sobre o novo sistema de "taxi comarcal" como unha escusa para conxelar e gardar nun caixón a polémica ordenanza municipal que o PP aprobara inicialmente en solitario e de costas aos profesionais.
Os socialistas advirten que a repentina parálise da normativa local, xustificada agora pola negociación autonómica. demostra a "nula planificación" do Executivo e unha total falta de respecto tanto ás alegacións presentadas como aos traballadores do sector.
Dous meses de silencio e plantón aos taxistas
O PSOE lembra que hai máis de dous meses que rematou o período de alegacións á aprobación inicial da ordenanza de taxis de Arteixo. O grupo socialista, en consonancia coa propia asociación de profesionais do concello, presentara emendas e reclamara de xeito reiterado unha mesa de diálogo para consensuar un texto que mellorase a calidade do servizo para os usuarios e as condicións laborais dos taxistas.
Porén, a resposta do PP foi o silencio absoluto. "Pese a ter maioría absoluta para tramitar o proxecto, levan dous meses sen contestar ás alegacións e esquivando o debate nos plenos ordinarios", sinalan o portavoz municipal socialista, Martín Seco.
Da imposición municipal á improvisación coa Xunta
O escenario mudou tras coñecerse a través dos medios de comunicación que Arteixo respalda agora a proposta da Xunta de Galicia para crear un área de prestación conxunta (taxi comarcal) cos concellos da contorna. Esta pirueta política supón, na práctica, a conxelación indefinida da ordenanza municipal na que o PP estivera a traballar.
O voceiro socialista censurou a falta de información oficial sobre o alcance desta medida e alertou do risco de que todo quede nun golpe de efecto publicitario. "O PP de Arteixo pasou de impor pola forza unha ordenanza fóra de consenso a paralizala de golpe en canto a Xunta sacou o plan comarcal. Levan dous meses sen dignarse a responder ás alegacións das familias que viven do taxi en Arteixo porque o seu proxecto era un fracaso. Esiximos saber se este novo sistema comarcal vai resolver de verdade os problemas históricos de mobilidade de Arteixo ou se simplemente é unha cortina de fume para ocultar que o alcalde fixo unha normativa ás costas do sector que non solucionaba nada", manifestou Martín Seco.
Ante a incerteza xerada no sector, o PSOE esixiu que o Goberno do PP responda con rigor nas sesións de control sobre cal é a proposta real da Xunta de Galicia para o taxi comarcal e como está articulada xuridicamente para o Concello de Arteixo; que solucións achega este novo sistema para os problemas estruturais que motivaron, nun principio, a urxencia de redactar unha ordenanza municipal, e cando vai entrar en vigor este servizo comarcal anunciado nos medios de comunicación ou en que prazos reais se está a traballar

