O PSOE esixe municipalizar o SAD e acusa ao PP de Arteixo de "protexer á Xunta" coa residencia de maiores
Os socialistas celebran que a súa moción forzase ao alcalde a ofrecer terreos á Deputación para unha nova residencia, pero denuncian que as competencias son autonómicas e o PP asume o custo "por submisión partidista".
Proposta do PSOE de Arteixo no programa electoral das eleccións muncipais de 2023
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo defenderá no pleno de mañá,unha moción estratéxica para o xiro das políticas sociais do municipio. A formación liderada polo voceiro Martín Seco García propón unha transformación radical na atención aos maiores a través de dúas medidas urxentes: a municipalización inmediata do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) a través da empresa pública SUMARTE e a construción dunha nova residencia de maiores pública ante as insoportables listas de espera que sofren as familias.
A presión exercida polo rexistro da iniciativa socialista provocou un movemento defensivo e urxente por parte do executivo local de Carlos Calvelo, que se apresurou a anunciar nos medios a cesión á Deputación da Coruña dun terreo e unha posible cofinanciación ao 50% a cambio de incluir a Arteixo na súa Red de Residencias, como as de As Pontes, Ordes e Rianxo.
Porén, dende o PSOE destapan a "trampa" e o "sectarismo" desta manobra, porque según lembra o voceiro socialista , consonte ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei 13/2008 de servizos sociais, a asistencia social e a creación de prazas residenciais son competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
"O Goberno do PP prefire gastar os recursos económicos dos veciños de Arteixo en asumir obras que lle corresponden á administración autonómica antes que erguer a voz contra o seu propio partido en Santiago", denuncia Martín Seco. Os socialistas critican que o alcalde "redoble a presión" sobre a Deputación “no papel” pero non lle esixa formalmente responsabilidades ao Goberno galego, que foi "incapaz" de financiar a primeira residencia do concello, delegando aquela construción na inversión altruísta da Fundación Amancio Ortega.
O SAD, sumido no caos e na precariedade laboral
A maiores da eiva residencial, que obriga a moitos maiores a marchar a poboacións afastadas, o PSOE pon o foco no "fracaso absoluto" da privatización do SAD, un servizo actualmente fragmentado en dúas empresas privadas.
A formación relata un escenario de "extrema gravidade" para as traballadora q ue soportan un convenio autonómico obsoleto, condicións laborais precarias, inestabilidade e baixos salarios; e para os usuarios que sofren listas de espera que acumulan atrasos de ata dous anos na dependencia, diminución dos tempos de atención e unha constante falta de continuidade no persoal que os coida.
Dende o grupo socialista afean ao alcalde que tarde máis de un ano en abrir un expediente disciplinario a unha das concesionarias tras os graves incumprimentos do verán pasado. "Se o sistema non funciona con dúas empresas, dividilo en tres non vai mellorar nada; é un atallo por falta de valentía", advirten.
"O benestar dos nosos maiores é unha prioridade e non pode depender da submisión de Calvelo ante o seu partido en Santiago nin de contratas privadas que fan negocio coa precariedade das traballadoras. Arteixo ten orzamento dabondo para liderar a atención social: hai que rescatar o SAD, integralo en SUMARTE con condicións dignas, e esixir á Xunta que financie a nova residencia de maiores na parcela que ceda o Concello", sentenciou o voceiro socialista, Martín Seco.
A moción socialista esixe á corporación municipal adoptar de xeito urxente a municipalización do servizo coa incorporación do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) como prestación directa da empresa municipal SUMARTE, para garantir a estabilidade aos usuarios e unha bolsa de emprego con condicións laborais dignas. E por outra banda, unha nova residencia de maiores sen submisión. Solicitan poñer a disposición o solo necesario pero esixindo de forma firme á Xunta de Galicia o cumprimento das súas competencias exclusivas para o financiamento e construción dun novo centro público en Arteixo, utilizando fondos municipais só como cofinanciamento se fose estritamente preciso para axilizar os prazos ante a urxencia veciñal.

