O PSOE alerta dun novo punto de consumo de drogas en Meicende e pide explicacións polo futuro do solar do número 33 da rúa Touriñana.

Os socialistas arteixáns reclaman medidas inmediatas ante a aparición de xiringas na zona das Eiras e esixen saber que uso terá o solar tras o derrubo do inmoble vinculado ao narcotráfico

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo formulou no último pleno varias preguntas dirixidas ao goberno local sobre dous asuntos que xeran gran preocupación entre a veciñanza de Meicende.

Por unha banda, os socialistas reclaman coñecer cal será o futuro do solar do número 33 da rúa Touriñana, onde se levou a cabo recentemente o derrubo dun edificio marcado pola venda de estupefacientes e polos graves problemas de inseguridade e insalubridade que xeraba no barrio do Petón.

O portavoz socialista, Martín Seco, sinala que “tras o importante gasto público realizado en desafiuzamentos, realoxos, tapiados e demolición, é imprescindible que o Concello aclare que destino se lle vai dar a este espazo”.

Por outra, a formación alerta da aparición dun novo punto de consumo de drogas no entorno das Eiras, concretamente nunha edificación situada no pasadizo xunto ao estudo de arquitectura da Travesía de Meicende, fronte ao bar Deza. Veciños e veciñas xa teñen denunciado a presenza de xiringas na zona, o que incrementa a sensación de inseguridade.

Martín Seco subliña que “non podemos permitir que, despois do esforzo da cidadanía e do gasto público realizado, Meicende siga sufrindo a lacra da droga nas súas rúas sen unha actuación firme e responsable do goberno local”.


Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia a ocultación e as mentiras do goberno local sobre a aparición de aves mortas no paseo fluvial que xa advertiran en pleno