O PSOE de Arteixo alerta da reiteración de lumes en Pastoriza e esixe ao goberno local medidas urxentes de prevención

Os socialistas piden estudar as causa dos incendios nesta parroquia ano tras ano e reclaman máis accións municipais para reducir riscos en todo o concello e non depender das choivas

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentou no pleno un rogo para que o goberno local extreme as medidas de prevención fronte aos lumes forestais e investigue con rigor a reiteración de incendios na parroquia de Pastoriza, unha das zonas máis castigadas do municipio ano tras ano.

O portavoz socialista, Martín Seco, lembra que “a acumulación de incendios en Pastoriza non é unha casualidade e require dunha análise detallada por parte do Concello” para coñecer as causas e aplicar medidas eficaces que freen esta situación, que “pon en risco a seguridade da veciñanza e o patrimonio natural da parroquia.”

O concelleiro socialista advertiu de que “non é asumible que Pastoriza se converta cada verán no epicentro dos lumes de Arteixo sen que haxa unha explicación nin unha resposta contundente por parte do goberno local máis aló que agardar que chova”.

Ademais, o PSOE reclama que se actualice o plan municipal de incendios, se localicen e limpen as parcelas segundo o convenio coa Consellería de Medio Rural e se adopten decisións preventivas, como limitar queimas, barbacoas ou o uso de fogos artificiais en épocas de máximo risco, seguindo o exemplo doutros concellos galegos.

Siguiente
Siguiente

O PSOE alerta dun novo punto de consumo de drogas en Meicende e pide explicacións polo futuro do solar do número 33 da rúa Touriñana.