O PSOE de Arteixo denuncia a ocultación e as mentiras do goberno local sobre a aparición de aves mortas no paseo fluvial que xa advertiran en pleno
Os socialistas lembran que presentaron un rogo pedindo explicacións antes de que o PP admitira a situación: negaron a praga, ocultaron información e tardaron 18 días en recoñecer as mortes por botulismo e agora acusan á veciñanza de utilizar imaxes falsas nas redes sociais
O Grupo Municipal Socialista denuncia que no último pleno advertiron da aparición de aves mortas no paseo fluvial e da presenza dunha praga de pulgas, solicitando explicacións e medidas urxentes para evitar un problema de saúde pública.
Martín Seco, portavoz do grupo municipal socialista, explica que o rogo presentado polo PSOE no pleno de agosto pedía que o Concello solicitase un informe á Xunta sobre a morte das aves e que informase con transparencia á veciñanza, “algo que non se fixo en ningún momento”.
Pola contra, engade Seco, “o goberno local optou por negar os feitos, cualificando de “mentiras” as denuncias cidadás, mentres as redes sociais se enchían de imaxes de cadáveres de aves e persoas con picaduras que en moitos casos foron amosadas ao noso grupo por xente coñecida”.
Segundo recolle tamén a investigación publicada por un medio de comunicación, pasaron 18 días entre a negación inicial, unha fumigación nocturna sen aviso público e o recoñecemento final das mortes por botulismo, tras admitir que morreron máis de 30 aves.
O voceiro socialista, Martín Seco, subliña que “non só ocultaron información, senón que mentiron e actuaron ás agochadas. Primeiro negaron a praga de pulgas, despois actuaron de noite e ao final recoñeceron que había mortes por botulismo en 30 aves e remataron acusando á veciñanza de usar imaxes falsas para denunciar as picaduras. Todo isto sen advertir á poboación que estaba paseando por unha zona con risco sanitario.”
Ademais, Seco critica que o Concello utilizase os seus medios oficiais para propaganda política e non para informar dun problema que afectaba directamente á saúde da cidadanía: “A veciñanza ten dereito a saber a verdade, non a ser despistada con titulares contraditorios. O goberno do PP debe explicar porque segue negando a realidade mentres as imaxes de aves mortas e ratas circulaban pola internet.”
Por todo isto, os socialistas insisten en reclamar que se lles facilite o informe urxente á Consellería de Medio Ambiente para determinar as causas das mortes das aves e tamén o leído polo alcalde no pleno e que se estableza un protocolo de comunicación inmediata á poboación en caso de pragas ou riscos sanitarios, empregando os canais oficiais do Concello.