O PSOE cuestiona a construción dunha gasolineira xunto ao encoro do Rosadoiro en Sabón
Os socialistas lembran que o Concello capta agua dese encoro para o polígono industrial tras unha elevada inversión para potabilizala e preguntan se o concello non debera ter tido en conta a protección ambiental da zona.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao último pleno municipal unha serie de preguntas sobre a construción dunha nova gasolineira no polígono de Sabón, situada a poucos metros do encoro do Rosadoiro, unha infraestrutura da que o propio Concello capta auga para o seu tratamento e posterior subministración ás empresas do polígono industrial.
Segundo explican os socialistas, as obras da nova estación de servizo iniciáronse recentemente na Avenida da Deputación, no tramo comprendido entre INOSA e a rotonda do Seixedo, nunha zona situada xusto ao carón do encoro. A distancia entre a beirarrúa da avenida e o bordo do embalse, segundo sinalan, podería ser inferior aos 50 metros.
Desde o PSOE, o seu portavoz Martín Seco, lembra que, aínda que Augas de Galicia é a administración competente para emitir os permisos correspondentes sobre o encoro, a realidade é que deste punto o Concello realiza unha captación de auga que posteriormente é potabilizada para o consumo das empresas do polígono de Sabón, “unha actuación que supuxo un investimento público moi elevado para garantir o abastecemento de auga nun dos principais polígonos industriais da comarca”.
Por este motivo, os socialistas consideran necesario aclarar se a localización da gasolineira é o lugar axeitado para ter as garantías ambientais e de seguridade necesarias, tendo en conta a proximidade dunha instalación destinada á almacenaxe e distribución de combustibles cunha fonte de captación de auga.
O Grupo Socialista solicitou ao Concello o expediente completo da tramitación da gasolineira, co obxectivo de comprobar que a instalación conta cos informes sectoriais e autorizacións administrativas necesarias, incluíndo os emitidos por Augas de Galicia e pola demarcación hidrográfica Galicia-Costa, da que depende este encoro.
Desde o PSOE sinalan que a instalación dunha gasolineira a escasos metros dunha captación de auga non parece, a priori, a localización máis axeitada, especialmente tendo en conta que se trata dunha infraestrutura na que o Concello realizou unha inversión pública importante para garantir o abastecemento ao tecido empresarial do polígono.
Ademais, lembran que o goberno local aprobou hai aproximadamente tres anos unha modificación das normas urbanísticas do polígono de Sabón, polo que consideran que nese proceso debería terse tido en conta a protección ambiental do encoro e a seguridade dunha infraestrutura estratéxica para o abastecemento de auga.
Desde o PSOE sinalan que o seu obxectivo é garantir que unha infraestrutura clave para o abastecemento de auga do polígono de Sabón conte con todas as garantías ambientais e de seguridade, e que decisións deste tipo se adopten coa máxima prudencia e transparencia.

