O PSOE de Arteixo denuncia o peche do bar do local social de Suevos por falta de planificación do goberno local

Os socialistas demandan saber  canto durará o peche, por que non se preparou a nova licitación a tempo e se finalmente se instalará o ximnasio prometido no edificio.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo levou ao pleno do de febreiro unha serie de preguntas sobre a situación do bar do local social de Suevos, actualmente pechado, así como sobre a inexistencia do ximnasio anunciado no propio edificio, unha infraestrutura prometida polo goberno local que nunca chegou a poñerse en funcionamento.

O portavoz socialista, Martín Seco, explica que no ano 2021 o Concello anunciaba a finalización deste novo edificio social na parroquia de Suevos, presentado como un espazo de referencia para a actividade veciñal con tres plantas nas que se incluían unha cafetería, unha sala polivalente, espazos para asociacións e un ximnasio.

Aínda que o bar do local social saíu a licitación no ano 2022 por un período de dous anos, prorrogables outros dous, cun canon simbólico dun euro ao ano,recentemente o goberno local decidiu non conceder unha segunda prórroga ao concesionario alegando a necesidade de realizar obras nas instalacións. “Falamos dun edificio de recente construción, executado hai apenas cinco anos, polo que resulta difícil entender que obras son necesarias e, sobre todo, por que non se planificaron con antelación para evitar o peche do servizo”, sinalan.

A consecuencia desta situación é que “a veciñanza de Suevos quedou sen o único local de hostalaría que permanecía aberto na parroquia”, tras o peche doutros establecementos como O Carmelo, e tamén de negocios próximos en Rañobre como A Viña. Para moitas persoas, especialmente aquelas con máis dificultades de mobilidade, “isto supón quedar sen un espazo de encontro e convivencia no seu propio entorno, sen que exista polo momento unha data clara para a reapertura do servizo”, sinala Seco.

Ademais, o Grupo Socialista lembra que o novo edificio tamén incluía a promesa dun ximnasio situado na terceira planta, que debía substituír ao que existía no antigo local social. Non obstante, cando chegaron as novas máquinas destinadas a esa instalación comprobouse que non podían acceder pola porta existente, un problema de planificación que, segundo denuncian os socialistas, nunca foi resolto polo goberno local.

Ante esta situación, o PSOE preguntou no pleno canto tempo permanecerá pechado o bar do local social de Suevos, por que non se planificaron as obras e a nova licitación con tempo suficiente para evitar este peche prolongado e se o goberno local pensa cumprir finalmente coa promesa de habilitar o ximnasio na terceira planta do edificio.

Desde o Grupo Municipal Socialista consideran que o ocorrido evidencia unha falta de planificación na xestión dun equipamento público pensado para dinamizar a vida social da parroquia e reclaman solucións para que a veciñanza de Suevos poida recuperar canto antes estes servizos.

Anterior
Anterior

O PSOE cuestiona a construción dunha gasolineira xunto ao encoro do Rosadoiro en Sabón

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo denuncia que a nova ordenanza do taxi nace sen garantías de mellora do servizo nin diálogo previo